Site icon Crónica3.com A Mariña

Francisco Escudero expón no Centro Cultural de Cervo

CERVO .- A sala de exposicións do Centro Cultural e de Servizos á Cidadanía de Cervo (CCSCC) acolle esculturas do artista galego Francisco Escudero. A exposición que foi inaugurada na mañá de hoxe en presenza do propio autor e da concelleira de Cultura e Xuventude, Chelo Gallego, permanecerá aberta ata finais de mes de agosto.

Baixo o título “La piel de la piedra” Francisco Escudero presenta unha serie de pezas baseadas no estudo do corpo que caracterizaba a antiga escultura grega. De feito gran parte das obras son representacións de torsos, de costas masculinas e femininas elaboradas en mármore de Markina (San Sebastian) y pulidas dun xeito exquisito polo propio autor.

Aqueles que se acheguen ata o edificio contiguo á Casa do Concello poderán non so ver o resultado final da obra deste artista senón os primeiros pasos para a elaboración das esculturas pois, xunto as propias tallas, tamén están expostos os debuxos que serviron como boceto para a obra escultórica final.

“Unha das características da escultura é que a podemos tocar, que podemos palpala, que podemos vela coas mans”. Por iso o autor convida aos visitantes a comprobar co sentido do tacto as distintas pezas. Francisco Escudero explica que precisamente se trata “de ver a pedra como materia prima e o seu traballo como intención. Quixen que produza esa sensibilidade que nos chega ao acaricialas, esa sensación táctil que nos produce un corpo cando o tocamos, cando o abrazamos. Insisto non só estas obras se poden tocar, hai que tocalas, en imperativo”.

O Concello de Cervo editou, con ocasión desta exposición, un catálogo con fotografías e textos que explican as distintas esculturas. Para elo contan tamén coa colaboración do artista Xoán Guerreiro que escribe no folleto.

Exit mobile version