Site icon Crónica3.com A Mariña

Llano solicitou o apoio da Deputación para conseguir un cambio de trazado da autovía en Burela

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, viaxou esta mañá a Lugo para manter un encontro co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. O obxectivo da xuntanza foi demandar o apoio da institución provincial para conseguir que o Ministerio de Fomento cambie o trazado da autovía Barreiros-San Cibrao. Llano explicou que “esta mañá tiven unha xuntanza co presidente da Deputación e basicamente foi para solicitar a súa axuda para apoiar as nosas demandas co fin de conseguir que se cambie o trazado do corredor Barreiros-San Cibrao e que pase o máis ó sur de Burela e que así lle afecte o menos posible ó noso concello”.

Gómez Besteiro confirmoulle ó rexedor burelés que “están rematando de redactar un documento apoiando as nosas tese que enviará a propia Deputación a Fomento coa intención de que, dunha maneira ou doutra, sirva para apoiar as reivindicacións que estamos a facer desde o Concello. Xa sabe todo o mundo que en Burela hai unanimidade absoluta para solicitar a Fomento un cambio de trazado para esta autovía e nesa liña lle solicitei ó presidente da Deputación o apoio e a axuda desta institución. O seu enxeñeiro xefe elabora un documento no que aportan unha serie de solucións que nós tamén demandamos desde Burela”.

Alfredo Llano agarda que ese informe técnico da Deputación “sirva para facer máis forza nas nosas demandas e que consigamos con facilidade que ese trazado se modifique e pase o máis ó sur que se poida do noso concello e non nos afecte de xeito moi negativo”.

Exit mobile version