Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde quere que os trens turísticos de FEVE paren máis tempo en Burela

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo esta mañá un encontro con José Manuel Gómez, responsable de FEVE para ultimar os detalles das paradas que efectuará o seu tren turístico durante o verán nesta vila. Serán seis paradas os días 18 e 25 de xullo e o 1, 15, 22 e 29 de agosto.

O rexedor explicou que “o responsable de FEVE presentou unha guía de propaganda do seu tren turístico e ademais, na xuntanza, estiveron presentes dúas guías coas que concretei que os visitantes poderían acercarse ata o Barco Museo, o porto, os barcos boniteiros, os paseos marítimos e as praias”. Llano engadiu que “é unha pena que os sábados non exista poxa de peixe para que os turistas a puideran presenciar pero vou a facer o posible para ver se algún exportador nos bota unha man e é capaz de ensinar o noso producto estrela”.

Alfredo Llano sinalou tamén que “nas excursións virán unha media de 60 ou 70 persoas que visitarán o concello máis ou menos durante dúas horas e cuarto, e creo que é moi positivo para Burela polo que estamos xa potenciando para o ano que ven que os visitantes poidan estar o máximo tempo posible e leven unha boa visión do noso concello”.

Corredor Barreiros-San Cibrao

Por outra banda, o alcalde burelés afirmou que “despois de efectuadas as diferentes consultas cos colectivos que traballan para facer alegacións ó corredor, teño que decir que existe unanimidade de que canto máis ó sur pase será mellor para o concello”. Alfredo Llano anunciou que “imos ter unha reunión o próximo martes ás 20.00 da tarde tódolos colectivos, o goberno e o resto de partidos políticos cos técnicos de OTEA e o do concello para presentar as bases da alegación conxunta que expoñeremos diante de Fomento. Ademais este venres pola mañá aproximareime a Lugo para presentar as propostas ós responsables de Fomento e discutir e ver o que nos interesa co único fin de ter documentación suficiente para alegar con firmeza”.

Exit mobile version