Site icon Crónica3.com A Mariña

O bispo de Lugo será o pregoeiro das festas do Carme en San Cibrao

CERVO .- Monseñor Afonso Carrasco Rouco, Bispo da diocese de Lugo, e ex párroco de Cervo, será o pregoeiro das Festas en honra á Virxe do Carme de San Cibrao. Así o deu a coñecer a Comisión de Festas do Carme 2009, que preside Jose Ramón Soto, quen agradece o xesto do bispo, a súa boa disposición e empraza aos veciños a darlle un cálido recibimento. A cita terá lugar o mércores día 15, ás 20 horas no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao.

UN LUCENSE VINCULADO A MONDOÑEDO-FERROL

Mons. Afonso Carrasco Rouco é lucense, naceu o 12 de outubro de 1956 no municipio de Vilalba. Cursou o ensino secundario no Seminario de Mondoñedo e os estudos de Filosofía na Pontificia Universidade de Salamanca (1973-1975). Despois estudou Teoloxía en Friburgo (Suíza), onde obtivo a Licenciatura en 1980. Foi ordenado sacerdote o 8 de abril de 1985 na Diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Entre os anos 1989-1991 forma parte do equipo parroquial de Santa María de Cervo, encargado de seis parroquias, na Diocese de Mondoñedo-Ferrol, onde exerce tamén como docente da Escola Diocesana de Teoloxía.

En 1992 desprázase a Madrid como profesor agregado de Teoloxía Sistemática do Instituto Teolóxico San Dámaso, converténdose en catedrático en 1996. Foi tamén, ata a súa ordenación episcopal, profesor de Teoloxía dogmática na Facultade de Teoloxía San Dámaso de Madrid (desde 1996) é director do Departamento de Dogmática da mesma Facultade en 2006. Durante a súa estancia en Madrid colaborou pastoralmente na Parroquia de San Jorge, mártir de Córdoba.

ESCAPULARIOS

Por outra banda a Comisión de Festas do Carme fai saber que este domingo, na celebración eucarística das 12, que coincide coa misa dominical e a novena en honra da Virxe do Carme terá lugar a tradicional imposición dos escapularios. Un costume que vén de outrora, á que non faltaban as familias dos mariñeiros e as xentes relacionadas co mundo do mar.

Exit mobile version