Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo responsabiliza ao goberno das deficiencias do subministro eléctrico en San Cibrao

NOTA DE PRENSA
O GOBERNO LOCAL É O ÚNICO RESPONSÁBEL DO DEFICIENTE SUBMINISTRO ELÉCTRICO NAS NOVAS VIVENDAS CONSTRUÍDAS EN SAN CIBRAO

O goberno municipal debe verificar a existencia de subministro eléctrico antes de conceder as licenzas de edificación.

Os dirixentes do PP en Cervo defenden mellor os intereses dos promotores que os dos cidadáns e veciños do concello.

Cervo, 6 de xullo de 2009. O Alcalde de Cervo e o seu goberno, son os únicos responsábeis dos problemas de veciños de San Cibrao que carecen dun subministro eléctrico aceptábel en vivendas que xa contan con licenza de primeira ocupación nunhas vivendas cuxas licenzas de construción non se axustan á lexislación ao non contar con todos os servizos urbanísticos esixidos. O BNG apoia as críticas destes veciños ao alcalde por intentar eludir as súas responsabilidades e esixe ao goberno local solucións inmediatas a un problema que pode reproducirse no futuro de non poñer solucións.

OS PROBLEMAS ACTUAIS SON FROITO DA FALLA DE PREVISIÓN E A PARÁLISE DO GOBERNO LOCAL NA TRAMITACIÓN DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL

A parálise durante anos na tramitación do PXOM imposibilitou realizar as previsións necesarias sobre ordenación e adecuación dos servizos urbanísticos necesarios, como neste caso sucede co eléctrico, incapaz de soportar o número de licenzas de edificación concedidas polo goberno municipal. “Os dirixentes do PP no goberno municipal estaban mais preocupados por apoiar e impulsar o modelo urbanístico depredador que en previr as consecuencias que agora xa se están a ver nalgunhas comunidades de veciños, que poden repetirse no futuro se non se poñen solucións”, denunciou o BNG. Os nacionalistas ademais indicaron, que o goberno local segue sigue na mesma liña, “lonxe de aproveitar o parón no boom urbanístico para impulsar a redacción do PXOM, semella que o PP non ten ningunha presa para levalo adiante”.

O BNG CONCORDA COS VECIÑOS DENUNCIANTES QUE O CONCELLO E O UNICO RESPONSABEL DA DEFICIENCIAS ENERXÉTICAS.

Os nacionalistas expresaron o seu apoio ás denuncias feitas públicas pola comunidade de veciños que responsabilizan ao alcalde das deficiencias no subministro eléctrico e os problemas que este lles está a ocasionar, “a xunta de goberno como órgano competente na concesión de licenzas, debe responsabilizarse de que estas conten con tódolos servizos urbanísticos necesarios, de non ser así non deberían ser outorgadas”. En calquera caso, non son aceptábeis as desculpas do alcalde nin as intencións de botar en tellado alleo a responsabilidades que lle corresponden.

Exit mobile version