Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia a desaparición do servizo de valoración a persoas dependentes da residencia de Burela

NOTA DE PRENSA
O BNG DE BURELA DENUNCIA A DESAPARICIÓN DO SERVIZO DE VALORACIÓN E TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES DAS PERSOAS DEPENDENTES QUE SE REALIZABA NA RESIDENCIA DE MAIORES BURELESA

O BNG lamenta o cinismo do PP na súa actuación en relación coas persoas dependentes, utilizando ás mesmas de xeito carroñeiro cando eran oposición e agora suprimindo servizos que antes había sen o máis mínimo pudor.

A partires de finais de abril, pouco despois da toma de posesión do goberno do PP na Xunta de Galicia, deixaron de realizarse en Burela as valoracións e tramitacións de solicitudes das persoas en situación de dependencia.

O PP, despois de ter feito unha oposición desbocada e insultante e chea de continuas mentiras sobre a suposta perda de servizos na comarca co goberno bipartito, amosa agora o seu máis absoluto desprezo polas persoas en situación de dependencia. O PP burelés non abriu a boca que tan lixeira tivo e segue a ter cando se trata de facer oposición.

A perda deste servizo obriga ás persoas solicitantes a ter que desprazarse máis de 100 km a Lugo capital, a realizar estes trámites co que supón de perda de tempo, de gastos e todo tipo de inconvenientes para as mesmas e para os seus familiares. Pero isto ao PP semella non preocuparlle nada, unha vez que xa conseguiron o que era o seu obxectivo de acceder ao goberno de Galiza fose ao prezo que fose e custase o custase.

Non deixa de sorprendernos, se algo pode sorprender dos demagogos de tres patacóns, que agora xa falen de que non poden pagar as prestacións económicas a todas as persoas dependentes cando antes convidaban publicamente ás mesmas a presentar denuncias nos tribunais de xustiza se non recibían as axudas económicas en tempo e forma.

Deberiamos preguntarnos todos os veciños e veciñas de Burela e da comarca se esta é outra das medidas do seu tan cacarexado plan de austeridade, que consiste en ir reducindo custes nos servizos sociais e nos servizos públicos que son os que benefician á maioría das persoas. Este é outro exemplo máis como o están a facer no eido educativo suprimindo unidades escolares e eliminando a gratuidade dos libros de texto para o conxunto da poboación escolar de infantil e primaria.

Hai queixas e casos concretos moi delicados de veciños e veciñas de Burela que están a padecer esta situación e o BNG quere denunciar esta situación con contundencia e pedirá explicacións aos responsables da desaparición deste servizo que está a producir trastornos e molestias graves para estas persoas que teñen unha situación xa de por si delicada de saúde.

Queremos que o PP lle explique á xente de Burela e da Mariña que ten que desprazarse a Lugo para tramitar a súa valoración de dependencia porqué non o pode facer aquí en Burela como se facía antes.

Exit mobile version