Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela decidirá nun pleno as alegacións ao trazado da autovía Barreiros San Cibrao

BURELA (FNC) .- O luns 27 de xullo no pleno ordinario que se celebrará no Concello de Burela a partires das oito da tarde someteranse a aprobación as alegacións que se presentarán diante do Ministerio de Fomento solicitando o cambio de trazado para a autovía Barreiros-San Cibrao. O alcalde, Alfredo Llano, insiste na necesidade de que “ese corredor pase o máis ó sur posible do noso concello e que non dañe a nosa estrutura de crecemento”. O rexedor sinala que “OTEA, a empresa que contratamos para elaborar o plan xeral, tamén fixo un informe moi completo e no que se demostra que a mellor opción desde os puntos de vista medioambiental e económico é a que debe ir ó sur de Burela, porque é a que menos lle afecta ao noso concello e garda certa coherencia, certa cohesión co resto do trazado. Este informe de OTEA terémolo en conta para enviar as nosas alegacións, aquí van recollidas tamén as aportacións realizadas por veciños e outros colectivos que apoian as nosas demandas”.
Mañá xoves haberá unha nova xuntanza ás oito da tarde para consensuar as alegacións definitivas que se someterán a aprobación no pleno do luns “e para que aqueles que queiran aportar algunha cousa máis teñan a súa oportunidade. O documento conxunto que enviaremos a Fomento será suficiente para que se teñan en conta as nosas peticións”.
Na sesión plenario do luns tamén se someterá a aprobación definitiva a conta xeral do exercizo de 2008.

Exit mobile version