Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentan a revista “Arroutada” na véspera da celebración do festival musical

CERVO .- Na véspera da celebración do festival de concertos ARROUTADA 2009, co que se prevé encher de música a localidade de San Ciprián o colectivo cultural organizador, en colaboración co Concello de Cervo, presentou a revista que leva este mesmo nome –ARROUTADA- e que se distribuirá por diferentes bares e comercios de Cervo, Burela, Viveiro, Xove e Foz.

Trátase do segundo número desta publicación que naceu o pasado ano como instrumento de difusión da música e das bandas e grupos musicais máis importantes ademais daquelas formacións que se están a dar a coñecer. Nas súas páxinas recolle varios artigos sobre temas de interese dos mozos e mozas: deporte, aventuras, …. e así un longo etcétera. Ao acto de presentación acudiron tanto membros da Asociación cultura ARROUTADOS como a segunda Tenente de Alcalde do Concello de Cervo, Pilar Armada que expresou o apoio da administración local a este tipo de iniciativas.

A presentación da revista é o primeiro acto dun programa que ten a súa cita máis salientable no día de mañá, ás 22.00 horas. A prazoleta de San Ciprián acolle os concertos ARROUTADA 2009. Abrirán o festival a formación NO FUIMOS NOSOTROS de Viveiro (Acústica-Bossanova), de seguido será a quenda do grupo NOSTATIC (Rock) da Coruña. A continuación actuará unha formación musical local, anfitrións nesta ocasión, CLAN MARAGATO de San Ciprián (Folck) e, finalmente pecharán o festival OMENOMEJODAS de Avilés (Thrash-Metal)

Desde a organización agradecen dun xeito especial ás distintas empresas patrocinadoras, sen os que, esta actividade non sería posible: Talleres Martínez, Autos Morán, Cazas SL, Os Molineros, Rodabell e Construcións Jose Saa xunto coa Fundación Comarcal da Mariña Occidental e aos anunciantes que aparecen na revista.

Exit mobile version