Site icon Crónica3.com A Mariña

A eliminación de barreiras na Casa da Cultura de Burela rematarán co verán, asegura Neves Cando

BURELA (FNC) .- A finais do verán rematarán as obras de eliminación de barreiras arquitectónicas da Casa da Cultura de Burela, segundo anunciou hoxe a concelleira de Benestar Social, Neves Cando. Uns traballos realizados con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local.

A edil nacionalista destacou que “a obra é de vital importancia para que o edificio sexa optimamente utilizable para calquera veciño sexa cal sexa a súa particularidade de mobilidade”. Cando explicou que “hai barreiras arquitectónicas tanto no acceso como na funcionalidade interior do edificio” e que se tentarán eliminar coa “reforma do acceso e ampliación da rampla da porta principal. O acceso á biblioteca é tamén imposible para persoas con cadeiras de rodas ou mobilidade reducida sen o uso das escaleiras, e por iso se colocará unha plataforma que permita o acceso dende o exterior á biblioteca directamente, ademais ampliarase a porta para posibilitar o paso das cadeiras”. A responsable de Benestar Social engadiu que “o acceso á primeira planta onde está a sala de exposicións e o anfiteatro se salvará coa colocación dunha segunda plataforma salva-escaleiras no interior da Casa da Cultura. E ademais instalaranse aseos adaptados na primeira e segunda planta”.

Neves Cando afirmou que “se mellorará a funcionalidade do edificio coa construción dun almacén para o material de iluminación mercado o ano pasado co fin de completar a dotación de son e iluminación do auditorio, e substituiranse as escaleiras de emerxencia exterior dado que o seu estado é lamentable”.

O orzamento destas obras acada os 120.000 euros e como afirma a concelleira “estarán rematadas no verán. A Casa de Cultura mellorará a súa accesibilidade e condicións de seguridade e acondicionamento interior e exterior”. Por último, a responsable da concellaría de Benestar Social insistiu en que “esta obra é moi necesaria porque dende a construción da Casa de Cultura no ano 1992 non se abordou ningunha mellora por ningún grupo de goberno anterior”.

Exit mobile version