Site icon Crónica3.com A Mariña

Sorteáronse en Cervo as vivendas sociais de Rio Cobo

CERVO .- Na mañá de hoxe tivo lugar o sorteo dos 14 chalés que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) construíu nunha área contigua á Vía Láctea, na urbanización Rio Cobo. Ao acto asistiron ademais dos adxudicatarios das vivendas o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado do Xefe Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas Jose María López Vega e da Xefa do Área Provincial do IGVS, Monserrat Vidal Expósito.
Segundo o concello “o sorteo foi posible grazas ao compromiso adquirido nas pasadas datas polo Alcalde de Cervo e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para acelerar as xestións previas á entrega definitiva das vivendas, que se prevé realice nas próximas semanas”.

Os chalés teñen unha superficie de 84 metros cadrados, constan de tres dormitorios, un salón, un baño, un aseo, unha cociña e teñen vinculado rocho e garaxe. Oito deles foron adxudicados en réxime de aluguer e seis en opción de compra venda, segundo as características dispostas na lexislación vixente.

Dende o concello indican que “os quince chalés adosados de Rio Cobo son froito dun proxecto promovido polo Goberno autonómico de Manuel Fraga a instancia do Concello de Cervo. As obras de adecuación e urbanización dos terreos, traída de subministros, e construción dos edificios desenvolvéronse ao longo dos últimos anos. Durante a época de xestión do bipartito o proceso administrativo de entrega final das vivendas estaba a sufrir un lento avance polo que, coa chegada do cambio de Goberno en Galicia, foi posible desbloquear a situación. Segundo as previsións que manexan no Concello de Cervo nas vindeiras semanas asinaranse os contratos definitivos de aluguer e as escrituras de compra-venda. ”
O Alcalde de Cervo salienta “a importancia de contar con este tipo de vivendas, de carácter social, dirixidas a un colectivo moi determinado de persoas que teñen aínda máis dificultades de dispoñer dun fogar en réxime de compra ou aluguer. Villares destacou así mesmo a importancia de contar con proxectos de vivendas a prezos accesibles como fórmula para asentar poboación pero tamén, como servizo público esencial para facilitar a natural necesidade de vivenda que teñan as familias, mozos e non tan mozos no termo municipal”.

Exit mobile version