Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Burela someterá a aprobación un regulamento para utilización de instalacións deportivas

BURELA (FNC) .- O pleno do Concello de Burela estudará a aprobación dun regulamento de utilización das instalacións deportivas. O obxectivo principal desta iniciativa, segundo a rexedora en funcións, Neves Cando, é que se faga un uso correcto e idóneo dos locais municipais para a práctica das diferentes actividades que neles se desenvolven.

A responsable de Deportes e alcaldesa en funcións estes días, Neves Cando, explicou que “no pleno da vindeira semana aprobaremos un regulamento de utilización das instalacións deportivas municipais do Concello de Burela. Trátase, despois de dous anos de experiencia dende que asumimos a responsabilidade de deportes no noso Concello, de formular un conxunto de normas encamiñadas á planificación das actividades deportivas coa finalidade de utilizar racional e ordeadamente as instalacións deportivas municipais aproveitando de xeito integral os recursos dispoñibles tanto materiais como humanos e coordinar os esforzos e as actividades deportivas que se poidan realizar no noso concello, xa sexan promovidas pola institución municipal como polas entidades deportivas ou particulares”.

A edil nacionalista sinalou que “dende a Delegación de Deportes levamos tempo traballando para apoiar o deporte que xa está consolidado pero tamén queremos abrir novos camiños e posibilidades para novas iniciativas que desta índole están xurdindo. As nosas instalacións deportivas municipais cubertas están sendo utilizadas, a parte de polos centros de ensino no horario escolar, por unha gran variedade e cantidade de clubes, colectivos e asociacións que desenvolven nelas as súas actividades deportivas. Dende as 15.30 horas da tarde ata as 24.00 horas da noite, nalgunhas ocasións, as nosas instalacións deportivas están cheas de actividades. Non só as actividades das escolas deportivas municipais organizadas polo Concello, senón tamén o fútbol sala cos seus equipos masculino e feminino e máis as categorías inferiores das escolas, as distintas categorías do baloncesto, a ximnasia rítmica, as actividades deportivas da Fundación de Discapacitados Psíquicos de Burela e da Asociación de Enfermos Mentais de A Mariña, o karate, a liga de fútbol sala de afeccionados e veteranos de Burela e o equipo de fútbol sala da autonómica de Burela que acaba de ascender. Toda esta intensa actividade deportiva require, que ao medrar cada ano, se faga unha boa organización e completa coordinación para que o uso e disfrute sexa o máis axeitado para todos e todas”.

Neves Cando engadiu que “con este regulamento que imos aprobar queremos darlle unha forma oficial a un xeito de traballar que vimos desenvolvendo ao longo destes dous últimos anos e que cremos que foi o acertado pola experiencia e o grao de satisfacción de todos os usuarios destas insatalacións. Pretendemos, pois, con este regulamento que o uso das instalacións deportivas sexa o correcto, o máis idóneo para a práctica deportiva e tamén implicar a tódolos colectivos e asociacións na corresponsabilidade e bó uso das mesmas porque este regulamento contempla os dereitos e deberes dos usuarios, as normas para a distribución horaria das instalacións, as normas de uso e seguridade, as infraccións e prohibicións e o procedemento para solicitar o uso das mesmas”.

Exit mobile version