Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación homenaxea a Egovarros de Viveiro polo éxitos acadados nos últimos meses

CERVO .- O delegado da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, recibiu este martes na Casa do Mar de San Cibrao ao equipo directivo, corpo técnico e a varios dos atletas veteranos que representaron ao Club Deportivo Egovarros de Viveiro nos últimos torneos nacionais, estatais e mundiais de atletismo na citada categoría. Así, no transcurso da súa intervención, o nacionalista resaltou os logros acadados pola sociedade deportiva na última edición dos Campionatos de Galiza, España e do Mundo que tiveron lugar en A Coruña, Zaragoza e Lathi (Finlandia) nos meses de febreiro, marzo e agosto, respectivamente.

Alén disto, Antonio Veiga salientou a necesidade de potenciar a figura e o traballo realizado por destes deportistas veteranos e tamén, o labor de promoción desenvolvido polo club que os alberga. Para o delegado da Área de Deporte, a carreira deportiva destes atletas “é un exemplo a seguir para os deportistas noveis e para mocidade en xeral”. Nesta liña, o nacionalista lembrou que a Deputación de Lugo “seguirá traballando en prol dun maior e mellor desenvolvemento de todos e cada unha das disciplinas deportivas practicadas ao longo da xeografía lucense”.

Logo disto, o delegado da Área de Deportes recalcou a “existencia dun compromiso firme e un proxecto, xa en funcionamento, para colaborar coas asociacións, entidades e clubs de Lugo no seu labor de formación e/ou dinamización do deporte en todos os eidos e espazos.” Así, o presidente do Club Deportivo Egovarros de Viveiro, Francisco Fernández, destacou o bo funcionamento e gran acollida que está a ter esta iniciativa promovida por unha das áreas que xestionan os nacionalistas.

Un club cun palmarés ateigado de trofeos

Os atletas Julián e Xesús Bernal estiveron presentes nun acto no que a Deputación de Lugo lle rendeu homenaxe a un club de primeira categoría que, xunto aos seus veteranos, acadou numerosos éxitos nos últimos meses. De feito, no Campionato Mundial de Veteranos en pista ao aire libre que tivo lugar en Lathi (Finlandia), Julián Bernal proclamouse vencedor da carreira de 5.000 metros e quedou terceiro na proba de 800 metros na categoría M-90.

Xa no Campionato de España para Veteranos de Pista Cuberta que tivo lugar en Zaragoza o pasado mes de marzo, o propio Bernal acadaba tres medallas de ouro e batía unha marca universal percorrendo 3.000 metros en 19 minutos, 59 segundos e 60 décimas de segundo. Pola súa banda, a súa compañeira Francisca Romasanta acadaba unha medalla de prata e outra de bronce nos 800 e 3.000 metros lisos na categoría M-60. Neste torneo tamén cómpre salientar a actuacións doutros dous integrantes da sociedade deportiva: Jesús Bernal e Eliseo López. No que atinxe ao Campionato Galego de Veteranos que se disputou a comezos do mes de febreiro en A Coruña, o Club Deportivo Egovarros de Viveiro conseguiu un total de 38 medallas: 19 ouros, 7 pratas e 12 bronces.

A Sociedade Deportiva Egovarros naceu en Viveiro no ano 1992 coa intención de crear unha entidade que fomentase a práctica de diversas disciplinas entre os máis novos. Para iso, creáronse seccións de atletismo, fútbol sala masculino e feminino e duatlón. Aínda que na actualidade o club está composto maioritariamente por atletas veteranos, tamén participaron ou seguen a participar varios membros da agrupación que militan nas categorías infantís e seniors.

Exit mobile version