Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación organiza un curso de formación para cargos electos dos concellos da provincia

LUGO .- O Deputado de Recursos Humanos, Formación e Réxime Interior, Melchor Roel, presentou este mércores o Curso para o desenvolvemento da xestión local dirixido a Alcaldes/as, Concelleiros/as e Deputados/as provinciais, que se desenvolverá do 14 de setembro ó 16 de decembro. Melchor Roel afirmou que “o obxectivo desta iniciativa é facilitar ós cargos electos os coñecementos necesarios para que poidan levar a cabo unha xestión eficaz na súa alcaldía ou concellería, o que redundará, sen dúbida, en beneficio dos veciños”.

Melchor Roel sinalou que habitualmente “incidimos na formación dos empregados públicos para que se adapten á nova lexislación co obxectivo de mellorar ó servizo ós cidadáns, pero con esta nova actividade o que pretendemos é que os que saímos elexidos polos veciños esteamos o mellor formados posible para a xestión municipal”.

Segundo o responsable provincial, “todos os que nos presentamos a unhas eleccións facémolo para defender, coa maior honestidade posible, unha forma de xestionar a sociedade e de entender ideoloxicamente como deben ser os nosos Concellos, pero se ademais estamos formados, darase un grande paso adiante”.

Urbanismo e economía

O Deputado avanzou que o curso, organizado dentro da programación formativa do organismo provincial coa colaboración coa Escola para as Adminsitracións Públicas de Caixanova, abordará cuestións tan importantes para os municipios como a súa xestión económico-financieira,“algo fundamental, tendo en conta a situación financieira que atravesan os Concellos”. Segundo apuntou, “é necesario que os responsbles locais, independentemente da área que xestionen, adquiran os coñecementos básicos para entender de forma integral o presuposto ou as distintas ferramentas que hai para acadar o financiamento de proxectos públicos”.

Outro dos contidos destados polo responsable provincial de Formación é o relativo ó urbanismo e á xestión do territorio. “Neste caso, é necesario que os responsables políticos coñezan, por exemplo, as novidades e oportunidades da nova Lei do Solo ou as liñas necesarias para que o desenvolvemento urbanístico local sexa sostible”.

7 módulos

O curso está dividido en 7 módulos. Ademais dos de urbanismo e xestión económico-financieira, tamén se inclúen os seguintes:

– Gobernanza local: ten por obxectivo que os cargos electos coñezan de forma minuciosa os piares do sistema democrático municipal.

– Habilidades persoais e directivas para a dirección de equipos e persoas: estudaranse cuestións como a xestión efectiva do tempo ou do talento dos recursos humanos.

– Estratexia e organización aplicada na xestión local: os participanets analizarán e definirán a estratexia da súa concellería e do conxunto de concellerías que forman a Entidade Local .

– Comunicación e mercadotecnia dos servizos públicos: abordaranse cuestións como a creación dunha marca-concello ou a comunicación efectiva ó cidadán.

– Xestión pública de calidade: incidirá na planificación, implantación e control de calidade na prestación dos servizos así como das novas tecnoloxías aplicadas ó sector público.

Prazo de solicitude

O curso, de 112 horas, conta con 30 prazas. Os interesados poderán presentar a súa solicitude ata o 3 de setembo, un prazo que se ampliará ata o 12 dese mes no caso de que non se cubran todas as prazas no prazo inicial. As inscricións faranse por estricto orde de entrada no rexistro da Deputación.

A bases e o modelo de solicitude están colgados na páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.org), no apartado adicado á Formación, que está incluído en “Areas de actuación” e “Recursos Humanos, Formación e Réxime Interior”.

Exit mobile version