Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga participou en Barreiros na presentación da reportaxe “O Gran Camiño Real”

BARREIROS .- O deputado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, participou esta noite da presentación da reportaxe “O gran Camiño Real”, reportaxe sobre o transcurso do Camiño Norte a Santiago ao seu paso por Barreiros, que tivo lugar no albergue de peregrinos de Gondán. Xunto a Antonio Veiga estiveron o guionista da reportaxe, Emilio Piñeiroá, e o párroco Santiago Rigueira.

Antonio Veiga destacou que iniciativas coma esta axudan a poñer en valor un importantísimo patrimonio cultural como constitúe o Camiño de Santiago, neste caso a variante norte ao seu paso polo concello de Barreiros. Por esta razón, a Área de Cultura da Deputación ofrece o seu apoio para que estas propostas de tipo audiovisual acaden unha maior difusión e logren sensibilizar á poboación da riqueza que para un pobo constitúe o posuír un elemento patrimonial tan recoñecido como o paso do Camiño de Santiago. Antonio Veiga salientou que coa súa presenza nesta presentación a institución que representa tenta poñerse ao carón da xente, do tecido asociativo galego tan necesario para lograr un medio rural dinámico e activo, e tamén revalorizar o audiovisual galego desde a súa base, apoiando aos creadores que non teñen grandes medios para desenvolver proxectos audiovisuais con amplos presupostos, pero que non obstante posúen unha vitalidade de ideas que poden e deben saír adiante.

A velada estivo amenizada por Antonio “de Marcos” – o gaiteiro de Fórnea- e entre os asistentes tamén se celebrou unha queimada popular esconxurada polo “gran druída”, polo que a diversión se estendeu entre os presentes até ben entrada a noite.

Exit mobile version