Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra sábado o “Día da bicicleta” para promover as actividades ao aire libre

BURELA (FNC) .- Burela celebra sábado, 22 de agosto, o Día da bicicleta. A saída será ás 12.00 horas da praza do Concello e todas aquelas persoas que queiran participar só teñen que estar no punto de saída media hora antes. A delegada de Deportes, Neves Cando, convida a gozar deste paseo a todos os bureleses e tamén visitantes.

A edil nacionalista explicou que “como remate das actividades deportivas deste verán dende a Delegación de Deportes realizamos este sábado 22 a partires das 12.00 horas da mañá o Día da bicicleta. Trátase de gozar un ano máis dun paseo polo pobo e promover así o uso da bicicleta e as actividades ao aire libre. A saída deste percorrido terá lugar na praza do Concello para achegarnos despois ao paseo marítimo ao lado da praia de O Cabaliño, marchar ao longo da costa ata a praia de A Marosa e volver de novo á praia de O Portelo onde finalizará o percorrido”.

Neves Cando sinalou que “tódalas persoas que queiran participar nesta actividade poderán facelo acudindo media hora antes do comezo do percorrido no propio punto de saída e tódolos participantes recibirán unha camiseta de agasallo. Con esta inciativa a Delegación de Deportes quere impulsar a actividade deportiva como fonte de convivencia porque se trata dunha actividade que queremos que sexa compartida polas familias, por iso convidamos aos nenos e ás nenas, aos rapaces e ás rapazas e aos papás e mamás e ao público en xeral que queira disfrutar dun paseo en bicicleta polo noso pobo”.

A responsable de Deportes engadiu que “non se trata de competir nunha carreira senón de admirar a nosa paisaxe pola ribeira e de paso facer un pouco de exercicio físico nun ambiente saudable e de lecer. Quedan pois convidados os bureleses e burelesas e tamén os turistas que nos visitan estes días a sacar este sábado a bicicleta á rúa e correr con nós neste Día da bicicleta 2009”.

Exit mobile version