Site icon Crónica3.com A Mariña

Castelos de area e outras cousas

Encántanme os castelos de area. Unha arquitectura imposible, formada por torres, cemiterios e túneles. Un labirinto efémero. O proceso creativo dos castelos de area duran o que dura a paciencia do teu fillo, neto ou sobriño: pero os tempos están cambiando e as alternativas son moito máis estimulantes e o Gran Castelo de area non poderá competir co taxi acuático, o ataque das quenllas ou a batalla de escuma, o súper heroe vestido con pixama ou calquera outra pamplina televisiva.

Poucos minutos despois, o castelo é reconquistado por outro equipo de traballo. Decidiron aproveitar o patio central para facer un cemiterio que é ao mesmo tempo unha inmensa piscina e abriron un túnel de auga que irrebersiblemente perforou a resistencia do muro frontal. Cada nova ondada lévase un remendo de muralla e as torres que antes presidían o castelo coa emoción contida hoxe son ridículos pináculos de area, como arqueoloxías asimétricas.

Fai pouco máis dun cuarto de hora que o equipo de traballo abandonou a gran piscina e xa foi novamente ocupada por unha nova cohorte de arquitectos. Agora son máis menores e levan un cubo cheo de clicks de Famobil. Un deles vai chafando coa pa os últimos vestixios do castelo, mentres o resto ocupa a piscina e enchea  de pequenos barcos de plástico.

Como nun estraño ritual, cada novo grupo crea un novo castelo a partir dos restos do antigo. Estírao, alóngao, prénsao ou destrúeo coa voracidade dun ataque viquingo. Os castelos de area son un patrimonio universal da humanidade. Efémeros. Superpostos. Condenados por unha marea ameazante. Todo me suxire unha brillante metáfora, pero o pouco  calor do verán deste ano  levouma entre xelado e un graizado de limón. Queríalles dicir que a vida é como un castelo de area, pero agora non recordo o por qué. E mirándoo ben, tanto dá.

Exit mobile version