Site icon Crónica3.com A Mariña

CIM de Burela ofertará un curso de informática básica para mulleres en setembro e outubro

BURELA (FNC) .- O Centro de Información ás Mulleres de Burela organiza un curso de 100 horas de duración sobre informática básica para mulleres que se celebrará os vindeiros meses de setembro e outubro. O número de prazas ofertadas é de 15 e todas aquelas interesadas deben anotarse antes do vindeiro luns, 24 de agosto.

Neves Cando, explicou que “a Delegación de Igualdade do Concello de Burela a través do seu Centro de Información ás Mulleres organiza un curso de informática básica para mulleres que terá unha duración de 100 horas. Este curso de formación cofinanciado polo Fondo Social Europeo e o Servizo Galego de Igualdade está dirixido a calquera muller con residencia en Galicia que sexa maior de idade ou estea emancipada. O número de prazas que se ofertan é de 15 e segundo as bases terán preferencia aquelas mulleres que sufran situacións de violencia de xénero ou de exclusión social, as que teñan responsabilidades familiares non compartidas, así como as que desexen incorporarse á vida laboral despois dunha interrupción causada pola dificultade de compaxinar a vida familiar e laboral”.

Neves Cando sinalou que “para poder participar neste curso as mulleres teñen que inscribirse nas oficinas do noso Centro de Información ás Mulleres antes do vindeiro luns día 24 porque esa mesma xornada ás 12.00 da mañá no Centro Ocupacional de Burela terán lugar as probas de selección das mulleres inscritas”.

A edil nacionalista engadiu que “se trata dun curso de informática básica de 100 horas de duración formado por 3 módulos, 85 horas de informática, 10 horas de igualdade de oportunidades e 5 horas de orientación e información profesional. O comezo do curso será o 1 de setembro e rematará o 30 de outubro desenvolvéndose en horario de mañá de 11.00 a 13.30 horas. Para máis información sobre este curso todas aquelas mulleres interesadas en participar poden achegarse ao Centro de Información ás Mulleres do Concello de Burela”.

Exit mobile version