Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan os traballos de mellora do campo de fútbol da Marosa en Burela

BURELA (FNC) .- O vindeiro luns, 24 de agosto, comezarán os traballos de adecentamento do campo de fútbol de A Marosa e o anexo de adestramento para mantelos en condicións aceptables de cara á práctica deportiva diante do inminente comezo da temporada futbolística. Segundo explica o edil de Obras de Burela, Pascual Doménech, “comezarase polo desbroce perimetral dos dous campos e seguidamente limparase toda a zona traseira da tribuna sur que se atopa chea de cascallos e restos de material de obra. Así mesmo, e en espera de poder arranxar a tribuna afectada polo Klaus, procederase á retirada de vigas, restos de aluminio e sillas rotas das bancadas que poden supoñer agora mesmo un perigo potencial para os usuarios do campo”.

O edil socialista engade que “se reporán as pranchas de metacrilato rotas dos banquiños, repararanse pechaduras de vestiarios e repasaranse de pintura os locais do campo que o necesiten. Pintarase tamén o valado publicitario a pé de campo e o peche exterior lavarase con auga a presión para limparlle o musgo incrustado e así despois proceder posteriormente ao seu pintado”. Todas estas actuacións son complementarias á execución xa rematada da instalación dunha depuradora de oxidación total cun orzamento de 45.000€ “e o que se pretende conseguir é un cambio de aspecto para facelo máis acolledor tanto ás ducias de nenos integrantes da canteira da S.D. Burela, como ao equipo afeccionado así como aos clubes visitantes”.

Rede de saneamento-Camiño de Foxo

Por outra banda, o concelleiro de Obras anuncia que a Consellería de Medio Rural investirá 42.000€ na rede de saneamento de camiño de Foxo. Pascual Doménech conta que “logo da comunicación recibida dende a Consellería do Medio Rural, para a distribución dos recursos económicos que pon a disposición do Concello de Burela dentro do PEIM RURAL 2009, procedeuse á redacción dunha memoria valorada denominada: rede de saneamento-Camiño de Foxo. Despois de presentar o anteproxecto, recibíuse notificación para a sinatura dun convenio no que a consellería ten previsto asumir con cargo aos seus orzamentos a obra de infraestructura referenciada, así como a súa execución, cun coste aproximado de 42.000€”.

O edil de Obras e Servizos sinala que “o obxecto das obras que se pretenden é mellorar os servizos urbanísticos na zona entre A Casilla e Os Castros, dotándoa dunha rede de saneamento que satisfaga as necesidades creadas polas vivendas existentes e de nova construcción. A descrición da obra a realizar é a seguinte: excavación de zanxas en roca, suministro e colocación de pozos e colector de saneamento, conexión coa rede existente para bombeo e suministro e posta en obra de capa de rodadura tipo D-12 de 6 cm. de espesor (reposición de pavimento)”. Pascual Doménech engade que “a cambio, o Concello de Burela pon a disposición da consellería de todos os terreos necesarios libres de cargas e gravames e unha vez recepcionadas as obras, comprometese á explotación, mantemento e conservación da mesma”.

Exit mobile version