Site icon Crónica3.com A Mariña

O barco museo Reina del Carmen de Burela no programa Turismo Mariñeiro de Turgalicia

BURELA (FNC) .- O delegado de Industria, Comercio e Turismo de Burela José González Legazpi ven de anunciar que o barco museo Reina del Carmen estará presente no programa Turismo Mariñeiro que está a desenvolver Turgalicia. Burela recibiu xa o protocolo para que dito proxecto sexa unha realidade.

O edil nacionalista sinala que “resulta evidente que non chega con que os recursos turísticos e culturais dun Concello existan, senón que deben valorizarse constantemente para dotalos da necesaria importancia recoñecemento e singularidade. Dende este posicionamento a Delegación de Turismo do Concello de Burela ven traballado de forma intensa e constante e así o pasado ano 2008, o barco museo Reina del Carmen recibía a súa catalogación museística por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e recentemente formaba parte do Proxecto Fénix levado a cabo pola Sociedade Galega de Educación Ambiental. E agora que sexa tamén incluido o no interesante proxecto que esta a desenvolver Turgalicia, denominado Turismo Mariñeiro”.

González Legazpi considera que “o proxecto que está a desenvolver Turgalicia denominado  Turismo mariñeiro representa unha nova forma de turismo vinculado ao coñecemento e disfrute dentro do ámbito de trascendencia mariñeira, de tal xeito que resulta positivo e interesante para o Concello de Burela, en tanto que xerará con toda seguridade novas posibilidade de turismo e condicións de coñecemento e incluso práctica do medio mariñeiro”. O concelleiro de Turismo engade que “de acordo aos recursos do noso Concello, en principio interésamos a inclusión nese  proxecto do barco museo Reina del Carmen xa que reúne todas as condicións e posibilidades para integrarse dentro deste interesante programa vencellado ao mundo mariñeiro, ainda que non se descartan outras posibilidade de inclusión futuras conforme se vaia desenvolvendo este novo proxecto de Turgalicia”.

José González Legazpi suliña que “o Concello de Burela avanza, de forma significativa, na súa consecución de destino turístico dentro da comarca da Mariña, e a inclusión do barco museo Reina del Carmen no proxecto de Turgalicia denominado Turismo mariñeiro afianza estas condicións de influencia e potenciación. En definitiva dende o Concello de Burela estánse a valorizar os recursos de forma determinante e aplicando as máximas condicións de desenrolo porque son estes os parámetros que nos están dando referencias positivas e os que nos traerán sen dúbida potencialidade turística e cultural e por conseguinte  desenvolvemento socioeconómico”.

Exit mobile version