Site icon Crónica3.com A Mariña

O náutico de Ribadeo remata a Semana Náutica cunha cea-festa o domingo

RIBADEO (FNC) .-  O presidente do Clube Náutico de Ribadeo, Mario Coto, amosouse moi satisfeito do desenvolvemento que está a ter a XIX Semana Náutica. Trala boa experiencia da saída da Volta a Galicia e a Regata Transgascogne, o mércores día 5, o Clube tivo que plantexarse a suspensión da tradicional zalea a Abres por mor das condicións meteorolóxicas.

Mario Coto explicou que “o mércores, o tempo comportouse fatal, estaba prevista a tradicional zalea a Abres, tódalas embarcacións, os barcos de apoio do clube, os coches coa comida e as bebidas  estaban listos e ás 15.00 horas desistimos e pensamos que os pinchos que tiñamos preparados se poderían comer na carpa que temos instalada no porto deportivo a partires das 17.00 da tarde tal e como se faría alí en Abres. Como aviso puxemos un cartel no clube. Como foi así, seguramente non lles chegou a tódolos socios o aviso, pero eu estaba seguro que co tempo que estaba non apetecía ir. Non quero que ninguén pense que non tiñamos nada preparado, todo estaba organizado e así se demostrou”.

Mario Coto destacou a conferencia que pronunciou o regatista internacional Antonio Cuervas Mons sobre o mundo da vela e a súa experiencia como componente do equipo de Telefónica-Movistar. Coto suliñou que “a presentación que nos veu facer Antonio Cuervas, que nos veu ensinar como se navega nos mundos desa vela internacional, tivo moito éxito. Eu quedei moi satisfeito coa charla, houbo moitísima xente e no acto entregámoslle a insignia de ouro do Clube Náutico e outro agasallo máis. Non contábamos ter tanta xente e foi un acto moi emocionante para todos e tamén para os seus avós alí presentes”.

O resto do programa desta semana céntrase na presentación do libro As embarcacións tradicionais do Arco Ártabro, Ortegal e A Mariña de Lugo, que terá lugar hoxe ás 20.00h no Clube Náutico. O sábado, día 8, ás 11.00 horas será a saída da segunda etapa da Transgascogne. E o domingo 9 de agosto; ás 18.00 da tarde, celebrarase o X Trofeo Deputación de Lugo de botes a vela da ría; ás 20.30 será a entrega de trofeos da Semana Náutica e ás 21.00 horas comenzará a cea-festa coa que concluirá a intensa axenda desenvolvida dende o pasado 31 de xullo.

Mario Coto lembrou que “o máis destacado do final desta Semana Náutica é a cea-festa para tódolos socios. Será no auditorio aberto de Cabanela, teremos alí unha carpa, actuará a Coral Polifónica de Ribadeo, haberá un pequeno grupo musical para animar a velada e ó final, todos poderemos disfrutar dunha queimada. Espero que haxa un montón de xente, sortearase unha viaxe para duas persoas a Canarias e poderá haber algunha sorpresa máis. Ahí remataremos a nosa Semana Náutica e quero dicir que ata o de agora estamos moi satisfeitos e espero que así se sinta tamén toda a xente do clube, desta directiva, que está facendo un gran esforzo para que todo isto saia ben”.

Exit mobile version