Site icon Crónica3.com A Mariña

O portavoz de Mar do PP “felicitou ao novo executivo autonómico por priorizar o consenso co sector”

Nota de Prensa

José  Manuel Balseiro salientou a integración de todas as competencias na materia nun só departamento, a elaboración consensuada da nova Lei de Pesca, as medidas de loita contra o furtivismo e a promoción dos produtos pesqueiros entre os avances dos primeiros cen días da nova Xunta

O GOBERNO DE NÚÑEZ FEIJÓO ESTÁ A RECUPERAR O PROTAGONISMO QUE AS XENTES DO MAR PERDERON NA ETAPA DO BIPARTITO

O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular afirmou que “rematou o tempo dos gobernos xordos e das políticas sectarias” e felicitou ao novo Executivo autonómico por priorizar o consenso co sector.

Balseiro cualificou de “fundamental” o traballo que está a realizar a Consellería do Mar para a recuperación do consenso acuícola e do liderado mundial perdido nese eido.

O deputado loubou a decisión da Consellería de buscar solucións aos problemas derivados “da despreocupación e xordeira do Goberno de Zapatero”, tales como os relativos á regularización das embarcacións pesqueiras ou o atraso nos pagamentos polas paralizacións das flotas.

Santiago, 14 de agosto de 2009.- O PPdeG considera que o logro máis destacable dos primeiros meses de xestión da nova Xunta en materia de Pesca é que o Goberno de Núñez Feijóo está a recuperar o protagonismo que as xentes do mar perderon na etapa do bipartito, outorgando ao sector pesqueiro, marisqueiro, acuícola e portuario o peso político que nunca debeu perder. Así o puxo de manifesto hoxe o portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, quen fixo un balance do arranque do novo Executivo autonómico neste eido.

José  Manuel Balseiro salientou a integración de todas as competencias na materia nun só departamento, a elaboración consensuada da nova Lei de Pesca, as medidas de loita contra o furtivismo e a promoción  dos produtos pesqueiros entre os avances dos primeiros cen días da nova Xunta. A xestión conxunta, unitaria e coordinada de todas as competencias que teñen que ver co mundo do Mar, aglutinándoas nunha soa unidade administrativa, “constituiu un primeiro paso acertadísimo e máis que oportuno para poder desenvolver políticas centradas en mellorar o benestar dos homes e mulleres que traballan nos múltiples sectores dese eido, que é a prioridade do actual Goberno”.

O deputado popular fixo especial fincapé no “decidido paso adiante” que supuxo a derogación da Lei de Pesca aprobada polo Goberno anterior, cuxa aplicación “tería efectos perversos porque foi elaborada de costas ao sector, tal como demostrou o rexeitamento unánime do Consello Galego de Pesca, máximo órgano asesor da Xunta nesta materia e no que están representados confrarías, sindicatos, organizacións de produtores e mexilloeiros, entre outros axentes”. O actual Goberno “tomou a única decisión posible”, engadiu, “que é elaborar outro texto, esta vez consensuado e que poida ser asumido pola maioría dos sectores que rexeitaron o anterior, que non se consensuou, senón que só se consultou aos sectores para despois non ter en conta a súa opinión”.

PAPEL RELEVANTE DAS CONFRARÍAS

Balseiro salientou que a nova lei garantirá un papel relevante das confrarías de pescadores, “ás que o bipartito desprezou”, recuperará o Servizo de Gardacostas de Galicia, “que o anterior Goberno practicamente desmantelou no seu carácter operativo” e promoverá unha formulación legal “moito máis ambiciosa e beneficiosa para os produtos pesqueiros de procedencia galega e respecto das concesións das bateas”. O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular afirmou que “rematou o tempo dos gobernos xordos e das políticas sectarias” e felicitou ao novo Executivo autonómico por priorizar o consenso co sector.

A loita contra o furtivismo foi outro dos puntos resaltados polo deputado, quen aplaudiu o plan de choque posto en marcha pola nova Xunta neste ámbito, con medidas “a aplicar en toda a costa galega e mobilizando todos os recursos dispoñibles na nosa comunidade”. Algo que, apuntou, contrasta totalmente “coa desidia e a inactividade do período anterior, que xerou unha sensación xeneralizada de impunidade”. Igualmente, subliñou como avance “necesario e importante” a recuperación da promoción dos produtos pesqueiros capturados pola flota galega “porque son, e o consumidor así debe sabelo, garantía de calidade e de inmellorables valores nutricionais”.

Así mesmo, Balseiro cualificou de “fundamental” o traballo que está a realizar a Consellería do Mar para a recuperación do consenso acuícola e do liderado mundial perdido nese eido. “O bipartito –afirmou- paralizou ao longo da súa etapa o desenvolvemento da industria acuícola no noso país, que perdeu grandes oportunidades para xerar riqueza e emprego como consecuencia da marcha a terceiros países de proxectos como os de Cabo Touriñán, mentres incorporou outros proxectos que ben eran tecnicamente inviables ou que suscitaban unha gran oposición social ou reserva medioambiental alí onde querían emprazarse”. Afortunadamente, indicou, “hoxe Galicia conta cun Goberno serio e que sabe xestionar”.

Doutra banda, o deputado loubou a decisión da Consellería de buscar solucións aos problemas derivados “da despreocupación e xordeira do Goberno de Zapatero”, tales como os relativos á regularización das embarcacións pesqueiras ou o atraso nos pagamentos polas paralizacións das flotas. No primeiro caso, a Xunta iniciou negociacións coa Administración central para que se amplíe o prazo para as regularizacións e se ofrezan alternativas que permitan superar os escollos burocráticos que xurdiron durante o proceso. En canto ao segundo, está a impulsar xestións a través das que se poida efectuar un pagamento inmediato que sirva de verdade para compensar as perdas que sofren tanto os armadores, “como, de xeito especial, os tripulantes”.

SUFICIENCIA DOS MEDIOS DE SALVAMENTO

No seu balance, José Manuel Balseiro referiuse igualmente á posta en marcha de novas medidas que garanten a operatividade e suficiencia dos medios de salvamento e socorrismo, ampliando o cadro de persoal das tripulacións dos helicópteros do Servizo de Gardacostas, “de xeito que estean operativas as 24 horas dos 365 días do ano”, ou as destinadas ao desenvolvemento das instalacións portuarias e á rehabilitación da súa importancia económica, “deixando atrás a política de grandes obras faraónicas coas que pasar á historia a base de confiscar o traballo dos demais con asfixiantes taxas e gravames fiscais”, como outros dos avances “que fan destes primeiros cen días un exemplo de xestión seria, inmediata e feita pensando nas persoas”.

O deputado popular subliñou tamén o feito de que a Xunta volva ser “a voz do sector pesqueiro galego en Madrid” e engadiu que “tamén o será en Europa, porque ese é un compromiso adquirido polo Goberno de Núñez Feijóo diante dos retos da reforma da Política Pesqueira Común, que ten que converterse nunha nova oportunidade para todos nós”.

Exit mobile version