Site icon Crónica3.com A Mariña

Remataron as actividades de “Lánzate ao verán” co torneo de voleibol

BARREIROS .- O delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, visitou na praia das Pasadas, en Barreiros, aos participantes no torneo de Volei-Praia que puxo punto e final aos cursiños organizados polo Clube Emevé co apoio da Área de Deporte da Deputación de Lugo. Esta actividade de Volei-Praia estivo enmarcada dentro do programa Lánzate ao Verán que, por segundo ano consecutivo, puxo en marcha a Área de Deporte da Deputación de Lugo. Ao remate da visita, o delegado da Área de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, aproveitou a ocasión para agasallar cunha camisola co logotipo identificativo da Área de Deportes aos rapaces e rapazas que se atopaban participando na actividade.

Un programa extenso e variado

Lánzate ao Verán levou ás distintas comarcas de Lugo unha ampla oferta deportiva que se desenvolveu entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. Vela, o surf, o volei praia e o fútbol praia foron protagonistas do verán na comarca da Mariña da man do Club Náutico Burela, o Club Voleibol Emevé, o Club Fútbol Sala Pescados Rubén. As actividades de volei e fútbol praia desenvolvéronse nos concellos de Cervo (San Cibrao) e en Barreiros. O resto, na localidade de Burela. Xa na comarca de Lugo, a Escola de Piragüismo acolleu un curso de vela, de piragüismo e de triatlón baixo a supervisión do Club Náutico Burela, o Club Cidade de Lugo e a Federación Galega de Triatlón, respectivamente. Pola súa banda, o Pazo Provincia dos Deportes, foi o escenario elixido para pór en marcha un curso de iniciación á loita que contou coa colaboración de varios dos membros do Club Loita de Vilalba e outro curso de rocódromo da man do Club O Veral. Por último, na comarca de Lemos, o Pavillón Municipal A Pinguela acolleu unha actividade de piragüismo e outra de volei praia organizadas polos Clubs de Piragüismo de Quixos e A Pinguela, respectivamente. O colexio Calasancio de Monforte foi o espazo elixido polo Club Deportivo Calasacio para pór en marcha un curso de porteiro de fútbol.

Exit mobile version