Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo ADEGA o novo plano eólico da Xunta non amosa ningunha preocupación medio ambiental

SANTIAGO .-O novo plano eólico da Xunta “non amosa ningunha preocupación medio ambiental” asegura ADEGA e  matiza que a nova adxudicación “está lonxe de garantir a sustentabilidade ecolóxica”. ADEGA afirma que “non só é inxenuo supoñer que o actual goberno vai realizar unha planificación eólica máis ecolóxica e xusta socialmente, senón que é falso”.

REFERENCIA

O Proxecto de Lei polo que a Xunta vai derrogar o decreto 242/2007 e adxudicar novamente os megawatios do Plano Eólico, está lonxe de garantir a sustentabilidade ecolóxica. Non só é inxenuo supoñer que o actual governo vai realizar unha planificación eólica máis ecolóxica e xusta socialmente, senón que é falso: o articulado do Proxecto de Lei presentado por Feijóo desmonta unha por unha as cautelas ambientais do decreto 242/2007. Vóltase, xa que logo, á política eólica imperante era Fraga ben coñecida por todos os ecoloxistas e que ADEGA non pode nen quere esquecer: autorizacións ambientais de parques por toda a Rede Natura (Xistral, Suido, Brañas do Xestoso, Serra da Meda…) apesar de afectar a hábitats prioritarios escasos e únicos en Europa. Os asinantes daquelas declaracións de impacto volven a ter relevantes cargos no actual goberno do Sr. Feijóo: ben coñecemos como se conducen!

Chega con ler a exposición de motivos deste “Proxecto de Lei” para entender que non hai na suspensión do concurso eólico ningunha preocupación ambiental: só pola participación pública que o Sr. Feijóo considera incompatible coa “escrupulosa observancia e respecto da liberación do sector” (Exposición de motivos, parágrafo 3).
Se nos adentramos no articulado do Proxecto de Lei, a ausencia de calquera sensibilidade ambiental é aínda máis evidente:

1) Desaparece a exclusión de aproveitamentos eólicos para as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais que o vixente Decreto 242/2007 recolle no seu artigo 6.2. Nin sequera quedan excluídos os espazos da Rede Natura e tampouco os Parques Naturais: “O Plan Sectorial eólico de Galicia abarcará aquelas áreas nas que se estime, previo informe do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a existencia de recursos eólicos aproveitables e terá carácter vinculante para os distintos suxeitos que operan no sector” (Proxecto Lei, artigo 6). Como se ve, ningunha alusión ao condicionado ambiental.

2) Desaparece a obriga de que todos os proxectos de parques eólicos se sometan a avaliación de impacto ambiental e que conten con declaración de impacto ambiental favorable (Decreto 242/2007, artigo 6.1). A partir da aprobación da Lei, só os parques de máis de 50 muíños (100 Mw de potencia), -ou de máis de 10 se afectan á Rede Natura-, van necesitar de avaliación de impacto ambiental. Habida conta que Galiza só ten competencias sobre parques de menos de 50 MW, ningún parque eólico vai necesitar de avaliación de impacto ambiental.Desaparece tamén, nos criterios de valoración a “mellor relación entre produción enerxética e afección ambiental” (Decreto 242/2007, artigo 10.1) para, no seu lugar, só referirse a “o nivel tecnolóxico e eficiencia enerxética que conforman os parques eólicos” (Proxecto de Lei, artigo 25).

Nen sequera o canon ambiental, a pesar do seu nome, responde a serios criterios ambientais: trátase, máis ben, dunha recadación coa que compensar a perda de ingresos que pola vía da participación pública garantía o Decreto 242/2007. O tema da fiscalidade ambiental debería, en todo caso, abordarse dende unha Lei marco, cando menos, para non caer en contradicións e inxustizas tan palmarias como a de que os parques de máis de 50 Mw de potencia estean exentos do canon, de que se pague por muíño e non por Mw, ou de que a actividade mineira, a pesar do seu inmensamente maior impacto, non estea afectada por ningún tipo de canon ambiental.
ADEGA sempre apostou porque unha planificación sustentábel do sector debía pasar primeiro por redactar un novo Plano Sectorial Eólico (ver as nosas Alegacions PLANO EOLICO). No entanto, o Decreto 242/2007 aprobado polo governo anterior viña a introducir cautelas e garantías ambientais: por primeira vez ficaba excluída a Rede Natura, ou a Declaración de Impacto resultaba sempre vencellante. Agora estes avanzos fican suprimidos: ninguén poderá impedir que, por exemplo, coa derrogación do Decreto 242/2007 e ao abeiro deste Proxecto de Lei, calquera empresa eléctrica volva a colocar muíños en Rede Natura.

Exit mobile version