Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellalía de Mar de Burela fomentará visitas de escolares o barco museo Reina del Carmen

BURELA (FNC) .- O barco museo Reina del Carmen de Burela foi visitado durante este verán por 2.200 persoas chegando algúns días do mes de agosto ás 100 persoas. A delegada de Mar, Remedios López, amosouse moi satisfeita con este balance do verán e anunciou que durante o curso escolar se publicitará ós colexios de Galicia, Asturias e incluso León para dar a coñecer as orixes da pesca.

Remedios López explicou que “se facemos un balance do barco museo a día de hoxe podemos dicir que no verán, que estivo aberto tódolos días de mañá e tarde, foi visitado por un total de 2.200 persoas e houbo días durante o mes de agosto que chegaron a visitalo 100 persoas. Agora coa chegada do outono cambiamos o seu horario e estará aberto de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas de luns a venres, permanecendo pechado as fins de semana. O barco museo Reina del Carmen ademais durante o curso escolar será publicitado a colexios de Galicia, de Asturias e incluso de León, dando así a coñecer as nosas orixes da pesca tradicional e artesanal”.

A edil de Mar de Burela sinalou que “o barco boniteiro ten un casco de madeira que durante trinta anos estivo adicado á pesca do bonito, da merluza do pincho e mais do peixe espada e tivo a gran sorte na súa xubilación de non ser desmantelado, de non ser desguazado para convertelo nun barco museo. O Reina del Carmen é un mudo testemuño do que é a vida dos homes do mar e despois de visitalo e pasar polas bodegas, pola ponte, pola sala de máquinas, os camarotes, o rancho de popa, pola cociña, etc, etc, chegamos á conclusión do dura que era a vida da tripulación, dos trece mariñeiros que traballaban nel, que durante trinta días tiñan que convivir todos xuntos para chegar a terra, descargar , pasar un día de descanso e volver outra vez a saír ó mar. Todo isto vese recollido nun vídeo que se proxecta de forma didáctica”.

Remedios López recomenda “a visita a todo o mundo pero tamén ós colexios que teñen ademais a visita gratuita e con isto intentamos dar a coñecer as nosas orixes da pesca, a pesca sostible e o cuidado e respeto ó medio ambiente”.

Exit mobile version