Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación concedeu 439 mil euros ao Concello de Viveiro para o campo de fútbol do Cembedo

VIVEIRO .-  A Deputación concedeu 439.056,01 euros ao Concello de Viveiro para amañar e dotar de céspede artificial o campo de fútbol do Cembedo, anunciou  o delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, na habitual rolda de prensa posterior á xunta de goberno do organismo provincial.

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA ANUNCIOU A CONCESIÓN DE 440.000 EUROS PARA DOTAR DE CÉSPEDE ARTIFICIAL O CAMPO DE FUTBOL DO CEMBEDO, EN VIVEIRO
A Área de Deportes da Deputación outorgará ao Concello de Viveiro a subvención de 440.000 euros entre o 2009 e o 2010 para executar a obra que suporá a instalación dunha superficie de céspede artificial no campo do Cembedo

Tamén se aprobou a adxudicación provisional da obra para a construción das piscinas municipais de Becerreá  por un importe próximo aos 720.000 euros

LUGO, 25 de setembro de 2009. O delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, informou na habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación, da aprobación dunha subvención ao Concello de Viveiro de 439.056,01 euros para proceder ao arranxo do Campo de Fútbol do Cembedo, dotándoo dunha nova superficie de céspede artificial para o terreo de xogo. A subvención outorgada ao Concello de Viveiro, segundo o aprobado na Xunta de Goberno da Deputación desta mañá, farase efectiva en dúas anualidades, achegando a cantidade de 20.856,80 euros no presente ano e os restantes 418.199,21 euros no vindeiro 2010.
Deste xeito, grazas ao compromiso económico da Área de Cultura da Deputación, co novo céspede artificial o campo de fútbol do Cembedo poderá soportar un uso moito máis continuado e intensivo, xa que os materiais empregados para a construción deste tipo de recintos deportivos presentan unha resistencia moi alta ao desgaste. Outra das vantaxes da superficie de herba sintética, fronte á herba natural, é a de non necesitar un mantemento nin tan custoso nin exhaustivo, o que se traduce nun maior aforro económico co paso do tempo. O delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, lembrou que “o campo do Cembedo é un recinto deportivo empregado por multitude de clubs de Viveiro, desde categorías inferiores a fútbol afeccionado, e que sofre uns estragos polo uso intensivo que imposibilita a práctica deportiva nos meses de inverno”.
Segundo indicou Antonio Veiga, a Área de Deportes da Deputación con este investimento fai fronte ás deficiencias que esta infraestrutura deportiva presentaba, consolidando o seu traballo a prol de dotar aos concellos das comarcas lucenses de instalacións deportivas públicas e de calidade, que permitan a práctica do deporte a toda a cidadanía nunhas condicións óptimas.
Piscinas de Becerreá
Por outra banda, noutro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno desta mañá, o delegado de Cultura e Deportes, Antonio Veiga, anunciou a adxudicación provisional da obra para a construción das piscinas municipais de Becerreá por un importe próximo aos 720.000 euros. A adxudicación provisional da obra recaeu na empresa Sistemas Avanzados de Transformación Industrial, S.L. pola cantidade de 611.851,83 € aos que hai que engadir 97.896,29 € en concepto de IVE e unha mellora de 9.479,00 €, en un prazo de execución de doce meses.
Con esta forte inversión por parte da Deputación, Antonio Veiga indicou que o Concello de Becerreá poderá contar cunha infraestrutura deportiva e de lecer coa que non contaba e que era moi demandada, sobre todo durante a época estival, xa desde hai moito tempo.
Aboamento subvencións a entidades
Antonio Veiga tamén deu conta da aprobación do aboamento das achegas dirixidas ás entidades culturais e deportivas lucenses co obxecto de sufragar unha parte ou a totalidade do programa de actividades desenvolto en 2008. Tal e como salientou o nacionalista, a Deputación de Lugo destinará finalmente 9.117,78 euros a 4 asociacións culturais e 25.651,64 euros a un total de 18 entidades deportivas.

ENTIDADES CULTURAIS SUBVENCIÓNS
Asociación Cultural Palacio do Rei (Palas de Rei) 3.505,28
Asociación da terceira idade Monterroso 700,00
Asociación cultural Quinto Chote (Chantada) 2.662,50
Asociación Cultural e de Veciños Lares Unidos Vilarmosteiro (Páramo) 2.250,00
(4) TOTAL …………………………… 9.117,78

ENTIDADES DEPORTIVAS SUBVENCIÓNS
Tikitaka Fonsagrada, F.S. 600,00
Asociación Xuvenil Sagrado Corazón 3.800,00
Club Fútbol-sala Vagalume 600,00
Club Ximnasia rítmica y patinaje Becerreá 1.950,00
Club Baloncesto Cidade de Lugo 1.900,00
Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz 600,00
Cruceiro de Meilán (Riotorto) 882,03
Club de Bolos (Ribadeo) 1.200,00
Club Cabaleiros do Asma (Chantada) 352,86
Charly Racing Team 3.120,00
Quinto Nombre Fútbol-Sala 600,00
Asociación Cultural de Andrade (Vilalba) 600,00
Club Shiian de Kárate 1.371,75
Club amigos de Tirimol 600,00
S.D.C.R. Palestina (Burela) 600,00
Club Natación Monforte 3.375,00
Taboada, C.F. 2.800,00
C.B. Enganchate ó Basket 700,00
(18) TOTAL …………………… 25.651,64
Exit mobile version