Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación propón un estudio aos concellos para coñecer as necesidades que teñen en servizos básicos

LUGO.- A Deputación ofrecerá ós concellos a opción de coñecer as necesidades que teñen en servizos básicos, segundo indicou Antonio Gato, deputado de Cooperación. Gato explicou que “a Deputación vai poñer en marcha unha nova vía de cooperación, con aqueles municipios que estean interesados para coñecer cales son as necesidades que teñen cada un deles en servizos básicos como o abastecemento, o saneamento, a depuración e a xestión de cobro”.

Noata de Prensa
A Deputación estudará a situación dos servizos do ciclo da auga nos Concellos da provincia
– Antonio Gato afirma que esta “é unha nova vía de cooperación coa que se pretende unha maior eficiencia dos servizos e un aforro de custos”
– O organismo provincial enviará proximamente unha carta a todos os Alcaldes e Alcaldesas para que se sumen a esta iniciativa

A Deputación contratará a realización dun estudo sobre a situación dos servizos municipais relacionados co ciclo integral da auga nos Concellos da provincia. O Deputado de Cooperación, Antonio Gato, que fixo este anuncio na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno deste venres, afirmou que “a Deputación vai poñer en marcha unha nova vía de cooperación, con aqueles municipios que estean interesados para coñecer cales son as necesidades que teñen cada un deles en servizos básicos como o abastecemento, o saneamento, a depuración e a xestión de cobro”.

Segundo avanzou, “un equipo de técnicos desprazarase a cada un dos Concellos que se sumen a esta iniciativa para coñecer a situación da que partimos”. O Deputado dixo que “esta auditoría é un primeiro paso que damos desde a Deputación e unha base sólida para iniciar unha cooperación nesta materia. A partir dos datos que obteñamos, poderemos analizar o traballo a realizar, como podería ser a mellora das instalacións ou a unión de varios Concellos para prestar de forma mancomunada estes servizos, co que se gañaría en eficiencia e se aforrarían custos”.

O Deputado de Cooperación cos Concellos sinalou que os servizos relacionados co ciclo da auga son custosos pero necesarios, “xa que debe haber un control riguroso tanto da auga que consumidos como dos vertidos resuduais, así como en todo o referente á xestión de cobro”.

Antonio Gato dixo que se enviará unha carta a todos os Alcaldes e Alcaldesas anunciándolles esta nova liña de cooperación. O Deputado estima que uns 50 municipios poderían sumarse a esta iniciativa.

Acordos Xunta de Goberno
Polo que se refire á Xunta de Goberno, aprobouse a modificación do trazado da estrada Castroverde-Souto de Torres Sobrado,  entre os puntos quilométricos 0,000 e 2,280. Tal e como anunciara o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na visita que fixo a Castroverde este mércores, haberá dous cambios: por unha banda, eliminarase a curva prevista no proxecto inicial entre os puntos quilométricos 0,185 e 0,400 e, por outra, incluirase unha variante entre o 0,900 e o 1,300 para desviar a vía do núcleo de Outeiro. Estas modificacións non supoñen ningún cambio sobre o presuposto inicial, que ascende a 450.000 euros.

O goberno provincial tamén acordou a comparecencia da Deputación nun recurso contencioso-administrativo relativo a unha reclamación por responsabilidade patrimonial polo atropelo dun corzo na estrada provincial de Vilalba a Feira do Monte o 15 de outubro de 2008. O demandante reclama unha indemnización de 1.448 euros.

Exit mobile version