Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros acolle a “Mostra incisións” que promove o museo provincial de Lugo

BARREIROS .- O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, presentou este martes a mostra itinerante “Incisións” no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro de Barreiros. A exposición, composta por 26 gravados e organizada polo Museo Provincial de Lugo con motivo do seu 75 aniversario, permaneceu do 5 ao 24 de maio na galería lucense. Logo da súa clausura, a dirección do museo ofreceulles aos distintos concellos de Lugo a posibilidade de acolleren esta mostra durante un pequeno período de tempo para favorecer así unha mellor e maior difusión destas obras conmemorativas.

Deste xeito, do 16 de xuño ao 12 de xullo os gravados permaneceron no Centro Cultural de Cervo, do 14 de xullo ao 17 de agosto no Forte de San Damián en Ribadeo, e do 18 de agosto ao 15 de setembro na Casa da Cultura de Burela. Despois da súa expedición polas distintas comarcas lucenses a exposición volverá, dentro duns meses, ao seu lugar de orixe: o Museo Provincial de Lugo, un espazo no que se poderá visitar xunto ao resto das obras e coleccións que forman parte da exposición permanente da galería.

Na súa intervención, Antonio Veiga salientou que coa posta en marcha deste proxecto expositivo o Museo de Lugo “quixo poñer ao dispor do público en xeral, e agora concretamente ao da Mariña, un testemuño histórico-cultural de actualidade e de incalculable valor e riqueza que representa cada un dos 26 gravados”. Alén disto, o nacionalista resaltou a necesidade de achegarlle a arte á sociedade facendo partícipe esta última dos seus cambios a pequena e gran escala. Logo disto, o delegado da Área de Cultura fixo fincapé na necesidade de “impulsar e fomentar o traballo realizado día a día polos distintos artistas lucenses para que, aos poucos, estes ocupen o lugar que merecen no panorama artístico e cultural de Lugo e, por extensión, de Galiza”.

Por último, cómpre salientar que este proxecto cultural de carácter itinerante tomou forma grazas ao traballo realizado polo comisario da exposición, Ignacio López, e á colaboración de 26 artistas plásticos e gravadores lucenses que elaboraron cadansúa peza conmemorativa vinculada directa ou indirectamente co Museo Provincial de Lugo.

Exit mobile version