Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra a Semana Europea da Mobilidade con variadas actividades

BURELA (FNC) .- A Delegación de Medio Ambiente de Burela celebra ata o vindeiro martes, día 22 de setembro, a Semana Europea da Mobilidade e para isto están organizados infinidade de actos. O domingo, día 20, será o día en que as rúas Rosalía de Castro e Pardo Bazán permanecerán pechadas ó tráfico dende as 9:00 horas da mañá ata as 21:00 horas da noite.
A edil de Medio Ambiente, Lucía Bouza, explicou que “dende hai dous anos, o Concello de Burela vense sumando á celebración da Semana Europea da Mobilidade, que se desenvolve cada ano entre o 16 e o 22 de setembro co obxecto de fomentar a mobilidade sostible entre os cidadáns. Como non podía ser doutro xeito, a Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela, volta un ano máis a implicarse nesta iniciativa internacional co fin de contribuir a unha mellor educación na mobilidade sustentable. Tamén é interesante destacar que a participación na Semana Europea da Mobilidade obriga ao Concello de Burela a adoptar unha serie de medidas permanentes que melloren a mobilidade da nosa vila. Deste xeito, nos próximos meses, a Concellería de Obras e Servizos rebaixará beirarrúas, creará beirarrúas táctiles e creará zonas de carga e descarga, entre outras medidas”.
Lucía Bouza sinalou que “a Delegación de Medio Ambiente organiza diversas actividades para conmemorar estas datas. Así por exemplo mañá venres e ata o domingo, comezan as xornadas gastronómicas da orella e do lacón que se van celebrar en varios establecementos da nosa vila. Xa o sábado, a Asociación de Sendeirismo “Pasada das Cabras” organiza a “Ruta de Burela” que sairá da Praza do Concello ás 9:00 horas da mañá. Os participantes poderán disfrutar duns pinchos na área recreativa do Cantiño ó finalizar a actividade. Pola tarde interésanos destacar que vai ser unha tarde moi musical e así a partir das 16:30 horas Burela Blues Band vai dar un concerto na Praza do Concello. A partir das 19:00 horas, a banda de Música realizará un pasarrúas e hacia ás 20:00 horas, dará un concerto na Praza do Concello. Remata a programación do sábado, coa proxección da película La espalda del Mundo ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Quero dicir que pertence ó ciclo Butaca Verde que nos foi cedido polo CEIDA e que se proxectará durante toda a semana”.
Bouza destacou que “o domingo, é o día grande da Semana Europea da Mobilidade, e escollimos ese día para pechar ó tráfico algunhas rúas como nos obriga a participación neste programa. Así entre as 9:00 e as 21:00 horas permanecerán pechadas as rúas Rosalía de Castro e Pardo Bazán, nos tramos que van dende  o parque ata a rúa Eijo Garay. Nestas rúas organizaranse unha serie de actividades durante todo o día. Entre as 11:00 e as 13:00 horas, as monitoras de Gaia farán un obradoiro de globoflexia para o público infantil. Entre as 16:30 horas e as 18:30 horas, as mesmas monitoras en colaboración cos monitores de deportes do Concello farán a ruta dos xogos nas rúas pechadas ó tráfico. A partir das 16:00 horas, o Colectivo Cultural Buril organiza o I Aberto do Bonito, cos xogos da billarda e dos bolos celtas e faranos no Parque de Rosalía de Castro. Ás 17:00, haberá rutas en bici nunha actividade organizada polo Clube Ciclista de Burela e partirán da Praza do Concello. E para finalizar, a partir das 19:00 horas, vai haber unha chocolatada na Praza do Concello, para as persoas que participen nas actividades pero tamén para calquera que se queira achegar. E xa ás 20:00 horas, proxectarase a segunda película do ciclo Butaca Verde, titulada Tierra”.
A delegada de Medio Ambiente seguiu relatando que “remataremos a Semana Europea da Mobilidade o luns e o martes. O luns cunha mesa informativa da mobilidade ubicada entre o Eroski e e Gadis entre as 10:00 horas e as 13:00 horas da mañá. E o martes cun obradoiro de patinaxe realizado polos monitores de deportes do Concello a partir das 17:00 horas, na Praza do Concello. Unha vez acabada a actividade tódolos participantes disfrutarán dunha merenda popular hacia ás 18:30 horas na Praza do Concello. Ás 20:00 horas remata a programación coa proxección da película La hora 11, do Ciclo Butaca Verde, no Auditorio da Casa da Cultura”.
Lucía Bouza engadiu que “quero agradecer ás organizacións que se implicaron na organización destas actividades tan importantes, como é a Asociación Pasada das Cabras, o Colectivo Cultural Buril, o Clube Ciclista de Burela, ao igual que a asociación musical Dambara que o domingo vai realizar pasarrúas mentras se fan as actividades”.

Exit mobile version