Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinco mil persoas pediron información sobre Burela e dúas mil visitaron o barco museo

BURELA (FNC) .- A Oficina de Turismo de Burela rexistrou nestes pasados meses, segundo e edil José González Legazpi, “unha afluencia de visitantes de proporcións algo superiores ao pasado verán, representando en computo global que ao remate do mes de agosto estiveron interesándose polo concello de Burela e tamén pola comarca da Mariña, algo máis de 4.700 persoas. Máis de 1.900 visitaron o barco museo Reina del Carmen, polo que pasaron nalgunha soa xornada máis de 100 visitantes”. O concelleiro de Turismo destaca que “a procedencia maioritariamente é da nosa comunidade autónoma, principalmente do eixe atlántico, seguida de Asturias, é tamén moi representativa a afluencia de persoas dende a capital de España, e do norte peninsular, concretamente de Cantabria e País Vasco, pero tamén de Castela-Leon ou Cataluña, e algún outro país de ámbito internacional”.

González Legazpi tamén subliña que “as visitas guiadas a igrexa de Vila do Medio para coñecer a súa historia e as pinturas do século XVI de orixe gótico que se teñen establecido este verán durante dous días a semana, está a representar tamén un interese turístico para o concello, téndose acercado un importante número de visitantes cada día. Tamén é de destacar de igual xeito a mobilidade experimentada na área de autocaravanas, de distintas procedencias, principalmente da zona de Levante, o que representa evidentemente indicadores favorables para o afianzamento turístico de Burela”.

O concelleiro de Turismo manifesta que “estes indicadores favorables, en tanto que determinan claramente o afirmativo resultado dos procesos que se veñen realizando cara a divulgación e participación en distintos certames e medios de influencia, que fan posible o achegamento de visitantes ao noso concello, así como a implantación de medios de intercomunicación e novas tecnoloxías para favorecer a nosa presenza, xunto co desenvolvementos de políticas encamiñadas á valorización e mellora dos recursos turísticos do concello , xa que logo o turismo representa unha parte importante da economía municipal en canto que posibilita accións de desenvolvemento para os distintos sectores económicos de Burela”.

Exit mobile version