Site icon Crónica3.com A Mariña

En Barreiros o BNG esixe ao alcalde que convoque a Comisión da Autovía para solucionar problemas dos veciños

BARREIROS (FNC) .- O BNG de Barreiros esixe que se poña en funcionamento de novo a comisión de seguimento das obras da autovía que foi creada no mes de novembro do ano pasado co apoio de tódolos grupos municipais para tratar de solucionar os problemas que éstas lles ocasionan aos veciños do concello.

O portavoz do BNG de Barreiros, Antonio Veiga, explicou que “dende o Bloque Nacionalista Galego de Barreiros imos pedir que se active, que se poña en funcionamento outra vez aquela comisión de seguimento das obras da autovía, unha comisión que se creou polo mes de novembro do ano pasado a iniciativa do BNG e dos colectivos veciñais. Plantexóuse esa iniciativa aos portavoces dos outros grupos da oposición, a Benito Longarela do PSOE e a Francisco Pérez de INDEBA, pareceulles ben o tema e solicitouse un pleno extraordinario, que foi celebrado con gran asistencia de xente porque está e estaba bastante sensible con todo o que ocorre arredor das obras da autovía. Aquela comisión foi creada unanimemente por tódolos grupos e comezou a funcionar”.

Veiga lembrou que “se facía o seguimento das obras os sábados onde ían os representantes de cada un dos grupos municipais acompañados polo concelleiro de Obras do Concello, elaborábase un listado de deficiencias e despois o Concello pasáballo á empresa adxudicataria das obras da autovía para ir correxindo cousas que en moitos casos sí se foron facendo. Cando había un seguimento por parte dos grupos municipais e por parte do Concello e se lle comunicaba á empresa, esta era bastante receptiva, incluso a demandas de colectivos veciñais como puido ser a asociación de veciños de Celeiro, porque entendemos que había unha perfecta comunión entre tódolos grupos políticos e que as demandas eran reais”.

Desde o BNG destacan que “o problema ven cando por parte da alcaldía se deixan de convocar estas reunións que eran o último xoves de cada mes para debater os problemas que ían expoñendo os veciños e a raíz de aí isto é un total descontrol e un total caos. Por iso, nós imos esixir que esa comisión da que nos dotamos se siga reunindo para dar solucións a eses problemas que xeran as obras e dende logo, nós non coincidimos para nada co alcalde, claro que xeran graves problemas pero precisamente o alcalde neste caso, é o que debe atopar solucións. Ademais, estámosllo poñendo moi fácil por parte dos grupos da oposición, do BNG e dos demais grupos. Se lle puxo moi fácil, ofrecémoslle sentarnos todos nunha mesa, prever esa comisión e conxuntamente debatelo, pero parece ser que nin así fan caso”.

Antonio Veiga engadiu que “da a impresión de que o Partido Popular en Barreiros está a outros asuntos e non centrado en atender os problemas que lle preocupan aos veciños de Barreiros e dicimos isto porque xa dende o mes de maio non se celebran plenos no Concello. En Barreiros hai unha grande actividade durante os meses de verán e houbo e hai grandes problemas e parece ser que ao Partido Popular non lle interesa para nada debatilos e tratar de buscarlles solucións no salón de plenos, onde nós entendemos que é onde hai que buscarlles solucións aos problemas dos veciños. Por iso, imos esixir que esta comisión de seguimento das obras da autovía, onde están representados tódolos grupos municipais, se volva a reunir para darlle solución a eses graves problemas que veñen ocasionando”.

Exit mobile version