Site icon Crónica3.com A Mariña

Neves Cando asegura que o PP “non se entera” do que pasa en Burela coa política de vivenda

BURELA (FNC) .- A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, diante da moción que presenta o Partido Popular de Burela no pleno de hoxe sobre a creación dun banco de datos municipal de dispoñibilidade e vivendas de aluguer para mozos e familias con ingresos reducidos, sinala que “non podemos máis que reiterar unha vez máis a nosa afirmación de que o Partido Popular de Burela non vive na realidade, non sabe o que pasa aquí en Burela porque o seu portavoz está asentado aló en Lugo ás ordes do seu partido na Deputación que lle paga por producir notas de prensa e mocións coma ésta que presentan hoxe en Burela”.

Neves Cando manifesta que “diante desta proposta só se nos ocorren tres alternativas. A primeira, que o PP de Burela non se entera de que xa hai un programa de vivenda en aluguer da Xunta de Galicia que ven funcionando dende o ano 2006 a través do cal, por un lado, se facilita o acceso das familias con maiores dificultades económicas a unha vivenda en réxime de aluguer e por outro, dinamízase e amplíase este mercado incorporando ao mesmo as vivendas baleiras. O solicitante destas vivendas, ademais de acceder a elas cunhas garantías de aluguer tamén pode solicitar unha subvención para este aluguer e pola súa parte os propietarios que se inscriben neste banco de datos da Xunta teñen garantido o pago da renda mensual dende o primeiro mes ata que se extinga o contrato, independentemente de que existan impagos por parte dos inquilinos. Ademais os propietarios teñen asistencia xurídica gratuita e tamén poden obter unha subvención para rehabilitar a súa vivenda no caso de ser necesario. Isto xa existe, xa está funcionando e o Concello de Burela xa figura no listado de concellos con recursos dispoñibles para este programa de vivenda en aluguer. Polo tanto o Partido Popular, que ao único que se adica é a criticar ao grupo de goberno e nada máis, debería estar mellor informado sobre este tema”.

A edil nacionalista engade que “a segunda consideración que se nos ocorre sobre isto é pensar, que tal vez, agora que o PP goberna na Xunta de Galicia, queira desmontar tamén este programa de vivenda en aluguer que puxo en marcha o BNG no anterior goberno da Xunta e pretende descargar este cometido nos Concellos e que se perdan así esas prestacións económicas que con este plan reciben tanto os inquilinos coma os propietarios. Se esas van ser as intencións do PP na Xunta que o digan xa para que a xente saiba quen crea proxectos de futuro e quen os desmonta. E en terceiro lugar, o único que se nos ocorre como unha reflexión final sobre este tema desta moción, dada a ignorancia que sobre as vivendas en aluguer demostra o Partido Popular de Burela é pensar que os populares quere que o Concello se convirta nunha inmobiliaria encuberta facéndolle así a competencia desleal ás que xa existen no noso pobo”.

Traballo da Axencia de Desenvolvemento Local

Neves Cando tilda de “obsesiva e enfermiza a teima que o PP ten contra o equipo de goberno de Burela sobre a política de vivenda que estamos desenvolvendo no noso pobo. De novo voltan a meter a pata e a demostrar que non se enteran ou non queren enterarse de nada. Dende a Axencia de Desenvolvemento Local do noso Concello estase dando cumprida información e asesoramento sobre todos os temas de vivenda nos que temos competencias municipais, como é o rexistro de demandantes de vivenda protexida, información e tramitación da renda de emancipación para os nosos mozos e mozas, as axudas para a compra de vivenda ou rehabilitación e por suposto, esta bolsa de aluguer tanto para inquilinos como para propietarios. Unha información que se viu complementada por unhas xornadas específicas de vivenda que se levaron a cabo a finais do ano pasado e que supuxeron unha maior demanda de información e de asesoramento”.

Mentiras e vergoña

A concelleira de Benestar Social apunta que “este descoñecemento do Partido Popular de Burela sobre éste e outros moitos temas xa non nos estranan e tampouco nos estrana que sigan sendo tan mentirosos para os veciños de Burela, porque iso é o único que saben facer. Fala a concelleira popular, Elisa Crego, unha das promotoras desta moción, de que o goberno municipal de Burela non fai nada pola vivenda, pois hai que recordarlle que foi este goberno municipal, no primeiro pleno do mes de agosto de 2007, o que fixo a cesión de terreos na unidade de actuación de Torrentes para a construcción de vivenda protexida. O Partido Popular de Burela non o fixo, ou é que xa non se acordan do que facían ou non facían cando gobernaban. E fala tamén esta mesma concelleira do proceso de reforma das Casas Baratas e neste tema sí que lle debería caer a cara de vergoña ao Partido Popular polo abandono total e absoluto que tivo con estas casas nos doce anos que gobernou Burela e a Xunta de Galicia. O retraso inxustificado nas escrituras de propiedade e o abandono sobre tódalas peticións veciñais para mellorar estas vivendas. Tivo que ser o BNG na Xunta de Galicia quen destinase case un millón de euros par arranxar estas vivendas, o que lle toca agora dicir ao Partido Popular a estes veciños das Casas Baratas e se este proxecto que xa está concluido o vai levar adiante ou tamén o vai eliminar como outros moitos temas sociais que o goberno do señor Feijóo está desmontando”.

Exit mobile version