Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo asegura que o “PP obvia nas súas críticas asuntos transcendentais”

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, respostou as críticas verquidas nas últimas horas por parte do portavoz do Partido Popular, José Carlos Rodríguez Andina, e asegura que os populares obvian asuntos tan trascendentais como que despois de vinte anos Ribadeo terá polígono industrial, que nunca a voz da oposición tivo tanto peso coma neste mandato e que o incremento da débeda, do que eles falan, non é certo e que se pode comprobar nos informes da intervención municipal.

O rexedor ribadense sinalou que “ se nota que estamos pasando o ecuador do mandato e todo o mundo intenta ir fixando xa a súa posición de cara ás eleccións municipais, polo tanto, non son de estranar esas críticas, que teñen, dende logo, todo o dereito a facer, pero que moitas delas están totalmente idas da realidade. Eu quero destacar, nestas críticas que se nos fan, cousas que se obvian, como que despois de prácticamente vinte anos, Ribadeo terá un polígono industrial. Gracias a que este goberno de catro personas nada máis cun só liberado, por moitos problemas que poida ter, que os ten sen dúbida porque tamén lle poñen moitos paos na roda, conseguimos desbloquear o asunto tan trascendente como o polígono industrial de Ribadeo”.

Fernando Suárez explicou que “puidemos aprobar de maneira inicial, por unanimidade, o Plan Xeral de Ordenación Municipal, non sei se se chegará a aprobar definitivamente porque non pode contar só co apoio dos nosos votos, xa que necesitamos a participación de todos. E aquí me quero referir. Nunca tanto na historia de Ribadeo como neste mandato, a oposición tivo a participación en tantos asuntos como nos que ten agora, nunca houbo tantas xuntanzas, nunca tantas comisións e nunca a súa voz e a súa palabra pesou tanto como neste mandato, moitas veces para ben e outras veces, como xa digo, para poñer paos nas rodas, pero a democracia é así, hai catro grupos municipais, isto é o que o pobo quixo e isto é o que debemos respetar. O que quero dicir é que nunca tanto traballo se fixo con tan pouca xente en Ribadeo”.

Con respecto a acusación de que se incrementou a débeda Suárez cre que “é absolutamente o contrario, e non é que o diga eu, senón que se lle pode preguntar a unha persoa, que leva a intervención municipal de Ribadeo, que non é un cargo político, que é un cargo funcionarial e pódense ver os seus informes onde se constata que a débeda se está reducindo, que o gasto se está contendo e para mostra un botón, o resultado do exercicio 2002, dende hai dez anos, é a primeira vez que se pecha cun remanente positivo”.

Suárez afirmou que  “tamén é de cuestionar a dobre moral que existe, xa que por unha banda se nos critica que debemos reducir moito máis, e así o estamos facendo, o gasto en moitas áreas, entre elas Cultura, e por outra banda, se nos acusa de que non facemos grandes festexos ou grandes eventos ao longo deste verán pasado. É unha cuestión que deben valorar eles se están facendo ben”.

Fernando Suárez engadiu que “o señor Andina e eu, creo que vivimos en mundos diferentes, parece que, aínda que vivamos no mesmo concello, son concellos diferentes, onde el vive e onde nós vivimos, onde é a realidade, e por outra banda, quizais el poida estar pensando que vive no Ribadeo que era cando el gobernaba”.

Exit mobile version