Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG en desacordo con que o centro de día de Barreiros “quede aparcado”

BARREIROS(FNC).- O BNG critica ao equipo de goberno de Barreiros por non ter apoiado no pleno de onte unha moción reclamando a construcción dun centro de día no concello. O portavoz nacionalista, Antonio Veiga, sinala que “un dos temás máis importantes que onte ían ao pleno de Barreiros, ao noso entender, era a construcción dun centro de día. O noso grupo presentou esta moción alá no mes de maio, ainda que despois non se abordou porque non houbo sesión plenaria en xullo. Era a modo de recordatorio do que dixo o actual presidente da Xunta en campaña electoral, que todos os concellos cun mínimo de 1.500 habitantes terían un centro de día”.

Veiga Outeiro entende que “Barreiros é un concello cunha poboación bastante avellentada e cremos que é necesaria a súa posta en marcha. Nós durante estes anos insistimos varias veces para que o Concello de Barreiros se adscribira ao Consorcio Galego de Servizos Sociais, recibindo sempre a negativa por resposta por parte do PP e do actual alcalde de Barreiros. Onte no pleno as súas declaracións reforzaron a nosa postura, como por exemplo cando dixo que hai uns quince anos que sí dispoñemos duns terreos para calquera dotación como podía ser este centro de día. Son uns terreos que veñen dun aproveitamento urbanístico dun plan parcial dunha urbanización feita en Benquerencia. Entón tendo os terreos non sei como o PP non se quixo adscribir ao consorcio e agora non quere pronunciarse sobre si lle solicitará á Xunta ou non a creación dun centro de día”.

Os nacionalistas consideran que “eso é fallarlles aos veciños de Barreiros e aos nosos maiores que merecen algo máis que un xantar anual. Seguimos agardando a que o PP rectifique e que non se corte en pedirlle ainda que sexa aos seus. Nós entendemos que o PP de Barreiros defende os seus intereses antes que os dos veciños e por eso non quere meter nun compromiso ao seu goberno na Xunta de Galicia. Flaco favor creo que lle fan deste xeito aos veciños de Barreiros. Sería onte unha boa ocasión para pronunciarse todo o pleno, pero o único que non votou a favor foi o PP… o resto dos grupos da oposición apoiaron a moción presentada polo BNG. E o centro de día queda por tanto unha vez máis aparcado”.

Exit mobile version