Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG está preocupado pola impacto da autovía na basílica de San Maritiño

NOTA DE PRENSA:
O BNG PREGUNTA NO CONGRESO POLO IMPACTO DA AUTOVÍA NA PARROQUIA DE SAN MARTIÑO E NA SÚA BASÍLICA

No BNG existe preocupación polo impacto negativo nunha área cun valor patrimonial e turístico recoñecido

A Catedral de San Martiño de Mondoñedo, orixinaria sé episcopal da actual diocese Mondoñedo-Ferrol, representa unha peza singular do Románico Galego con diferentes fases construtivas que a historiografía coincide en sinalar entre o VII e o XII.

O templo mindoniense, Monumento Nacional desde 1930, forma parte dun conxunto formado no seu momento por un Hospital de Peregrinos, desaparecido fai dúas décadas, un mosteiro do Século XIV, hoxe convertido en corte e vivenda, unhas pinturas murais do século XII con motivos do Códice Calixtino descubertas vai para un ano e únicas no contexto do románico no Estado Español así como un Casa Reitoral recentemente rehabilitada que vai acoller un centro de interpretación do románico.

O propio Ministerio de Fomento acometeu a cargo das dúas últimas anualidades orzamentarias, a través do 1% cultural, traballos de mellora na propia Igrexa na perspectiva da súa posta en valor así como no seu potenciamento turístico. Neste sentido débese ter en conta que o conxunto de San Martiño de Mondoñedo acolle ao ano a visita de máis de 45.000 persoas sendo un dos principais reclamos turísticos do Concello de Foz e do conxunto da Mariña de Lugo.

Neste sentido non deixa de resultar chocante que o Estudo Informativo da Autovía Barreiros – San Cibrao suxire un trazado para o mesmo colindante coa área de protección do BIC deste conxunto histórico artístico, trazado que provoca un grande impacto visual, e que mesmo recolle a pouco máis de 100 metros da Catedral un viaduto que se levanta 40 metros por encima do mesmo.

Xa que logo así se explica que diferentes colectivos sociais,políticos e culturais así como diferentes administracións teñen presentado alegacións a fin de modificar o trazado da Autovía Barreiros – San Cibrao ao seu paso pola referida parroquia.

Ten valorado o Ministerio de Fomento, ou algún dos organismos del dependentes, as alegacións presentadas polos diferentes colectivos ao trazado da Autovía Barreiros – San Cibrao ao seu paso pola parroquia de San Martiño de Mondoñedo?

É coñecedor o Ministerio de Fomento do impacto que o actual trazado pode ter na conservación e na posta en valor deste conxunto único do románico peninsular?

No caso de que o Ministerio de Fomento teña feito algún estudo ao respecto que consideración ten sobre o impacto que esta obra vai ter sobre o conxunto histórico – artístico de San Martiño de Mondoñedo particularmente e sobre a parroquia en xeral?

Ten previsto o Ministerio de Fomento modificar o trazado da Autovía Barreiros – San Cibrao a fin de evitar a desfeita que o mesmo provoca en San Martiño de Mondoñedo?

Exit mobile version