Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo convoca 4 prazas de profesores da Escola Municipal de Música e Danza

RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo convoca 4 prazas de profesores da Escola Municipal de Música e Danza para as materias de violoncello-contrabaixo, acordeón, canto e danza-ballet. O contrato realizarase pola modalidade de obra ou servizo determinado a tempo parcial para o curso escolar 2009-2010.
Entre os requisitos específicos que se esixen figuran ter a titulación correspondente ao grao medio de música e danza ou calquera das titulacións sinaladas na Circular 12/2006 pola que se establecen as titulacións que deberá posuír o profesorado que imparta a docencia nas Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os interesados terán que realizar unha proba consistente na presentación e posterior exposición oral dunha programación didáctica para o curso escolar de acordo co instrumento ou asignatura á que opten. A presentación desta programación deberá ser entregada no Rexistro de Entradas do Concello de Ribadeo antes do vindeiro 22 de setembro ás 14:00 horas. E a proba de selección do persoal levarase a cabo o día 23 de setembro ás 11:00 horas na Casa do Concello.

Exit mobile version