Site icon Crónica3.com A Mariña

“Falemos de mulleres no deporte”, charla do Observatorio da Mariña pola Igualdade en Burela

BURELA .- O venres 25, ás 20 horas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o ciclo de charlas-café “Falemos de …” que nesta ocasión tratará sobre “Mulleres no deporte” que terá lugar na Cervexaría Tapiñas de Burela.

Nota de Prensa

Burela acolle este venres 25 “FALEMOS DE… MULLERES NO DEPORTE”, a terceira sesión do ciclo de charlas-café organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade
O acto terá lugar ás 20 horas na Cervexaría Tapiñas, e nel participarán deportistas mariñás de elite como Rosana Carballés e Ana Mª Ferradás, a psicóloga deportiva Juana Blanco e a vicepresidenta de MUDEGA Mercé Barrientos

Este venres 25, ás 20 horas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o ciclo de charlas-café FALEMOS DE…. O tema escollido para a terceira cita, que terá lugar na Cervexaría Tapiñas de Burela (antiga Zaranda, na avda. Arcadio Pardiñas, 146 galerías), é MULLERES NO DEPORTE.

Na sesión participarán dúas deportistas de elite da Mariña, como son a xogadora do Burela Fútbol Sala Feminino Rosana Carballés, e a atleta ribadense Ana María Ferradás, que darán conta da súa experiencia como deportistas e do que implica ser muller. Pero tamén se contará coa visión de Juana Blanco, psicóloga deportiva que traballa na comarca, e de Mercé Barrientos, presidenta da federación galega de taekowondo e vicepresidenta da recén creada asociación MUDEGA (Asociación de Mulleres Deportistas Galegas, http://mudega.es/).

Con esta cita o Observatorio quere consolidar a proposta deste ciclo de charlas, dada a excelente acollida que tiveron as anteriores sesións celebradas antes do verán nas que se abordaron os temas da “Repercusión da crise económica nas mulleres” en Ribadeo e “O aborto a debate” en Burela. Tamén con esta mesma pretensión se está a traballar en novas charlas-café noutras localidades mariñás, nas que se abordarán temas como a segregación por sexos nas aulas ou a endometriose, enfermidade que afecta ao 10% das mulleres.

O ciclo de charlas FALEMOS DE… é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar na igualdade de xénero, polo que están abertas e dirixidas a toda a cidadanía (mulleres e homes). A actividade resulta innovadora de seu na nosa comarca, pero ademais presenta o aliciente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.

Deste xeito, o Observatorio quere afondar no seu obxectivo de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.

Exit mobile version