Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pedirá que a Xunta reclame ao Goberno central a substitución do HELIMER Galicia

NOTA DE PRENSA
O Pleno debaterá unha Proposición no de Lei presentada por José Manuel Balseiro, quen salienta que o Goberno de Zapatero “incumpre unha vez máis as súas previsións con respecto á dotación de servizos ou melloras en Galicia”

A XUNTA REQUERIRÁ AO GOBERNO CENTRAL, POR PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, QUE SUBSTITÚA O HELIMER GALICIA

* Segundo as previsións do Goberno central, o substituto do actual Helimer tiña que ter chegado a Galicia en febreiro deste ano, pero a substitución aínda no se produciu, un “desinterese” que contrasta “cos esforzos que está a desenvolver a Consellería do Mar no referido ao reforzo dos medios e do cadro de persoal do servizo aéreo dos Gardacostas de Galicia”.

* O actual helicóptero supera os 17 anos de antigüidade e a Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima anunciou a súa substitución en febreiro de 2008

Santiago, 21 de setembro de 2009.- O Pleno do Parlamento debaterá na sesión desta semana unha Proposición non de Lei do Grupo Popular pola que a Xunta requerirá ao Goberno central que substitúa o helicóptero do servizo estatal de Salvamento Marítimo con base na Coruña, coñecido como Helimer Galicia, que é o máis antigo da súa serie que opera en toda a costa española. Os populares reivindican que as operacións de salvamento marítimo no litoral galego sexan atendidas por un modelo de helicóptero moito máis moderno e funcional, capaz de garantir co maior acerto a seguridade, saúde e integridade física das xentes do mar que se vexan involucradas nun sinistro marítimo.

O portavoz de Mar do Grupo Popular e asinante da iniciativa, José Manuel Balseiro, salienta que o Goberno de Zapatero “incumpre unha vez máis as súas previsións con respecto á dotación de servizos ou melloras en Galicia”. Así, lembra que, segundo as previsións do Goberno central, o substituto do actual Helimer tiña que ter chegado a Galicia en febreiro deste ano, pero a substitución aínda no se produciu, un “desinterese” que contrasta “cos esforzos que está a desenvolver a Consellería do Mar no referido ao reforzo dos medios e do cadro de persoal do servizo aéreo dos Gardacostas de Galicia, non só reforzando as tripulacións e a operatividade das súas aeronaves, senón introducindo as melloras técnicas máis avanzadas”. O deputado subliña que “está a converterse nunha práctica habitual que desde o Goberno central se incumpran as previsións de reforzo e modernización dos medios de salvamento marítimo”.

DESIDIA DO GOBERNO DE ZAPATERO

O actual helicóptero, un Sikorsky S-61N, supera os 17 anos de antigüidade e a Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima (SASEMAR) anunciou a súa substitución por un novo modelo máis moderno –o Augusta Westland 139s- en febreiro de 2008, dentro do Plan Nacional de Salvamento 2006-2009, no que se marcou o obxectivo de renovar a flota con cinco novos aparellos, logo de que un deles sufrira un accidente en 2006, no que resultou morto un Garda Civil. Sen embargo, e malia que SASEMAR ten substituído xa outras aeronaves, como as que teñen a súa base en Reus, Valencia, Almería, Tenerife Sur, Palma de Mallorca e Xixón, e que o de Galicia estaba previsto para febreiro de 2009, “aínda non temos noticias sobre a súa chegada”.

A obsolescencia do actual Helimer Galicia deu lugar a graves problemas “que non poden admitirse nun servizo que debe garantir unha cobertura axeitada en caso de emerxencia”. Así, o deputado popular lembra casos como o naufraxio do Rosamar, no que foi necesario que o Pesca II, dependente da Xunta, substituíra nas operacións ao Helimer, deixando así descuberta a costa lucense, ou o rescate do Cordero, no que o helicóptero do SASEMAR tivo que ser suplido por outro modelo distinto que dispón de menor calidade nas súas prestacións.

Balseiro salienta que o PPdeG “observa con preocupación a falta de interese e manifesta desidia do Goberno socialista de Zapatero respecto desta cuestión que afecta á seguridade no traballo e á integridade física e saúde das xentes do mundo do mar e dos propios membros do cadro de persoal do SASEMAR”. Igualmente, considera que esta actitude “desacredita aos socialistas cando acusan a outros de escatimar recursos para os servizos esenciais”.

Exit mobile version