Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pregunta no Parlamento sobre a costeira do bonito

NOTA DE PRENSA
Á Mesa do Parlamento

José Manuel Balseiro Orol, Marta Rodriguez Arias, Maria Soledad Piñeiro Martinez, Jose Fervenza Costas, Rosa Oubiña Solla, Angeles Diaz Pardo e Javier Escribano Rodríguez deputados do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, ao abeiro do disposto nos artigo 152 do Regulamento da Cámara presentan, ante esa mesa, a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión.

Ao redor de 500 barcos -dos que aproximadamente 150 teñen porto base en Galicia- iniciaron como cada ano a campaña do bonito, pesqueiría que arranca nestas datas próximas á época estival e que ten grande importancia polo seu impacto en canto a man de obra embarcada e en terra, volume de negocio e peso económico, así como polo seu impacto industrial no tocante ao sector transformador e conserveiro, a parte do consumo en fresco.

Malia que, nos pasados anos a crise afectou dun xeito evidente ao sector pesqueiro galego, no que respecta máis polo miúdo á flota boniteira, esta viuse especialmente prexudicada pola problemática dos baixos prezos en primeira venda e a competencia de peixe foráneo -non perfectamente identificado-. Ante ambos desafíos o anterior Goberno de Galicia non soubo ou non quixo actuar con determinación, poñendo de relevo a falta de iniciativa e a desidia duns xestores que daban unha imaxe certa do seu proxecto esgotado.

Afortunadamente a previsión para a campaña que agora arranca achega datos que permiten identificar certo optimismo en comparación co acontecido en anos anteriores: o axeitado estado dos recursos, a tregua meteorolóxico e a calidade das primeiras capturas, permiten avalar unha costeira positiva.

En todo caso, cómpre reclamar a complicidade e colaboración da nova administración pesqueira, a Consellería do Mar, para cos centos de embarcacións galegas que poñen rumbo ás augas nas que se efectúa a captura desta especie migratoria. Todos eles precisan da Xunta para que contribúa na tarefa de xerar valor engadido ás futuras capturas e poida garantir o seu apoio loxístico.

Desde o punto de vista loxístico os buques de Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo acompañarán aos mariñeiros nesta costeira, para desenvolver tarefas de asistencia á flota. As tripulacións dos barcos estarán reforzadas con mergulladores, mecánicos e técnicos que se encargarán de resolver calquera incidencia que poida producirse durante o tempo no que se prolongue a costeira. Así mesmo, os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 do Servizo de Gardacostas de Galicia, colaborarán durante toda a campaña en todas aquelas actuacións para as que sexan requiridos, dentro do seu radio de acción. Dotacións similares velarán pola seguridade e saúde dos participantes na costeira, evidenciando un grande compromiso da Xunta de Galicia con respecto a cada un dos traballadores do mar que participan nesta costeira.

Con ser todo isto importante, tamén é necesario ampliar o grado de asistencia e cooperación da administración galega a outros ámbitos como é o caso da promoción, identificación e consumo do bonito capturado pola flota galega. Cómpre contribuír a xerar valor engadido, e facilitar a tarefa de elección do consumidor do que quizais é o mellor bonito do mundo.

Des fortunadamente e lonxe do que cabía esperar nunha administración responsable, a extinta Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos non traballou o suficiente, ou incluso esqueceu desenvolver as debidas tarefas de promoción deste túnido, a diferenza do que estaba a ser habitual nas lexislaturas previas á do Goberno bipartito.

Desenvolver unha intensa labor de promoción, empregado para elo todos os medios dispoñibles, desde en prensa escrita ata en radio ou televisión; a edición de folletos e carteis dirixidos aos restauradores, o emprego das novas tecnoloxías e da inmensa potencionalidade da rede internet, así como outros moitos medios e ideas que contribúen a achegar ao consumidor final información sobre este recurso pesqueiro, debera ser onte e hoxe, no pasado e no futuro, unha acción prioritaria do Goberno de Galicia.

O bonito galego polo seu elevado valor nutritivo, rico en proteínas e vitaminas A,B,D e K, e que achega tamén minerais como calcio e iodo constitúe unha aposta estratéxica dentro das novas esixencias en materia de alimentación. Ademais, o feito de que se trate dun peixe de tempada, e a súa ampla presenza en fresco nos mercados –prolongada como mínimo ata o mes de setembro- ofrece garantías de que estamos a falar dun peixe de merecido recoñecemento, en definitiva, do mellor bonito do mundo.

En relación con este asunto, o Grupo Parlamentario Popular formula as seguintes preguntas:

1.-) ¿Que xestións ten previsto realizar o novo Goberno de Galicia para o apoio loxístico á flota galega que participa na costeira do bonito?

2.-) ¿Que xestións ten previsto realizar o novo Goberno de Galicia para a posta en valor, mellor identificación e promoción do bonito capturado pola flota galega?

3.-) ¿Que xestión ten previsto realizar o novo Goberno de Galicia para a creación de valor engadido ao bonito capturado pola flota galega?

4.-) ¿Como valora a Xunta de Galicia as xestións desenvolvidas neste ámbito polo anterior Executivo autonómico e, de xeito especial, pola insuficiencia de medidas de promoción e diferenciación do bonito con respecto a outras capturas foráneas de menor calidade?

5.- ¿Que xestións ten previsto desenvolver o novo Goberno de Galicia para evitar a confusión que o consumidor pode ter á hora de elixir o bonito, en relación co peixe capturado pola nosa flota –o bonito do norte- e respecto doutros produtos de inferior calidade –bonito do Mediterráneo,…etc-?

Exit mobile version