Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente de Deputación visitou Mondoñedo e comprometeuse a rehabilitar a zona monumental

MONDOÑEDO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este xoves a Mondoñedo onde asinou, xunto co Alcalde da localidade, Orlando González, dous importantes convenios para este municipio. No primeiro deles, o Concello de Mondoñedo súmase ó novo Sistema Provincial de Recadación co que xa son 49 os municipios da provincia que se benefician desta liña de cooperación posta en marcha polo actual equipo de goberno.

Gómez Besteiro subliñou que “os Concellos que xa están no novo sistema dispoñen cada mes de preto de 1,2 millóns de euros grazas ós anticipos do 90% sobre os cálculos de recadación”. Para o titular da institución provincial “é moi importante que as Entidades Locais dispoñan de liquidez para poder prestar servizos ós seus veciños, e máis nunha etapa especialmente complicada coma a actual”.

Ademais, dixo que o novo sistema tamén supón un importante aforro para as arcas municipais. Segundo apuntou, coa redución á metade da taxa, que pasou do 6 ó 3%, estes municipios aforran 500.000 euros ó ano.

Polo que atinxe a Mondoñedo, ata o de agora tan só tiña delegada a recadación do Imposto de Actividades Económicas. Coa sinatura do convenio, tamén se inclúen os impostos de vehículos e de bens inmobles.

Convenio de rehabilitación da zona monumental

A Deputación contribuirá á rehabilitación da zona monumental de Mondoñedo grazas ó outro convenio de colaboración asinado hoxe polo Presidente provincial e o rexedor, cumprindo así o compromiso asumido por Gómez Besteiro na visita que fixo ó municipio mindoniense no mes de xullo.

O acordo permitirá a construción dun aparcadoiro público na Alcántara, completando as obras de urbanización desta zona prevista no Plan de Rehabilitación do Ministerio de Vivenda. A Deputación investirá 47.000 euros neste proxecto, o que representa o 45% que debía aportar o Concello.

Gómez Besteiro sinalou que “deste xeito, a Deputación colabora, por unha banda, na rehabilitación dunha das zonas monumentais máis importantes da provincia e, por outra, alivia ás arcas municipais do desembolso previsto no Plan do Ministerio”.

Coa construción deste aparcamento, proporcionarase servizo ós traballadores e usuarios dos xulgados de Mondoñedo e desconxestionanse algunhas zonas de estacionamento que na actualidade ocupan parte dos espazos públicos máis significativos do conxunto histórico da cidade.

En 1999, a través do Plan de Rehabilitación do Concello, dotado con 1,5 millóns de euros e subvencionado polo Ministerio de Vivenda nun 55%, acometeuse a restauración da Capela e dos accesos das principais rúas do centro histórico. Quedou pendente a construción do aparcadoiro, que ten un custe total de 103.000 euros. Deste xeito, e debido ós problemas de liquidez que está a ter a Entidade Local, a Deputación colabora co Concello co fin de revitalizar a zona máis emblemática deste Concello.

Exit mobile version