Site icon Crónica3.com A Mariña

Profesores, pais e policías

Dende hai uns anos, cando aparece algún problema social de comportamento cívico, as autoridades políticas sempre o solucionan cun un programa educativo, do que se responsabiliza a institución escolar, sen ningún tipo de análise previo, sen prestar a formación precisa e sen aportar medios necesarios. O día do anuncio quédase ben diante da opinión pública e problema resolto.

Estes días anunciaron que, para solucionar os problemas de comportamento dalgúns rapaces -por certo unha ínfima minoría- váiselle dar ao profesorado categoría de autoridade pública. Dous días máis tarde sae a Fiscalía dicindo que xa era considerado como tal e, a pesares de todo, a educación dos rapaces non mellora. Non vou contradicir nin poñer en cuestión tal decisión, pois sei que sería politicamente incorrecto e ademais, a un, que é docente, agrádalle que lle suban a autoestima e as prebendas son sempre ben recibidas. Agora xa poderei falar de ti a ti con calquera outra autoridade ou dicirlle ao garda cando me multe -¿sabe vostede con quen está falando? E daquela entre colegas hai máis confianza e habémonos de entender para sacar ganancia da situación.

No medio desta discusión sae un informe da Fiscalía de Menores no que se indica que seguen aumentando as denuncias de pais e nais maltratados polos seus fillos menores. Supoño que este será tamén un caso de falta de autoridade dos pais que haberá que corrixir. Así que, o mellor será, seguindo a dinámica iniciada, outorgar categoría de autoridades públicas aos pais e nais de familia, e problema resolto. Os rapaces van tremer de medo en canto saía publicado no correspondente boletín oficial.

Na fin de semana anterior ao feito histórico de infundir ao profesorado de autoridade, uns raparigos, que facían botellón con autorización das súas familias, en Pozuelo de Alarcón, enfrontáronse á policía sen ningún tipo de respecto nin consideración. Tendo en conta que os policías son considerados paradigma de autoridade pública e servidores da lei para impoñer a orde, de pouco lles serviu a súa condición fronte a mozos desinhibidos polo alcohol e cargados de consentimento paternal, social, mediático e económico. Moitos deles, fillos de familias acomodadas, pasaron ás poucas horas por diante dos policías cun sorriso no que se lía “pringaos”.

Estas autoridade políticas que toman decisións tan transcendentais, deberan de saber que, mentres tanto, están permitindo, promocionando e actuando con exemplos que os mozos recollen como modelos para sobrevivir na sociedade que se lles ofrece. Como modelos de cidadán representantes da sociedade ven os políticos que se enfrontan sen ningún tipo de educación, que faltan ao seu traballo nas Cortes, que menten reiteradamente, que se aproveitan do cargo para enriquecerse, que practican o “todo vale” para acadar o poder. Como modelo para o diálogo e a resolución de conflitos teñen a telelixo chea de programas groseiros nos que falan a berros, non saben escoitar e asobállanse uns a outros. Como modelos para os esforzo e a solidariedade teñen os futbolistas que cobran millonadas mentres a maior parte da sociedade está pasándoo moi mal. Seguide buscando modelos a ver que ides atopando.

E con esta tropa hai que andar ao mar.

Exit mobile version