Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle o I Campionato de Surf Km0 Xtreme na praia de Os Castros a fin de semana

RIBADEO .- A praia de Os Castros, no Concello de Ribadeo, acolle a fin de semana o I Campionato de Surf Km0 Xtreme, nas modalidades de surf masculino e feminino e longboard; esta proba inclúese na Terceira Proba do Circuíto Galego de Surf e Longboard Open 2009. O Surf Km0 Xtreme é unha actividade organizada pola Deputación provincial de Lugo e presentouna en Ribadeo a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, acompañada do alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, do concelleiro de Deportes, Vicente Castro Reigosa, e do organizador do evento, David Martínez.

Nota de Prensa

A Deputación organiza esta fin de semana en Ribadeo o I Campionato de Surf Km0 Xtreme

– O Presidente provincial quere promocionar a Mariña por terra, mar e aire

– O torneo desenvolverase a fin de semana e contará cos mellores surfistas de Galicia, que competirán nas modalidades de surf masculino e femenino e longboard

– A Vicepresidenta Segunda presentou o campionato que coincide coa 3ª proba do circuito galego, no que se sortearán unha táboa de surf da modalidade de Km0 Xtreme e outro material promocional do programa pioneiro en España

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este xoves en Ribadeo o I Campionato de Surf Km0 Xtreme, que se inclúe na Terceira Proba do Circuito Galego de Surf e Longboard Open 2009 que se desenvolverá esta fin de semana na praia dos Castros, impulsado e copatrocinado pola Deputación. Acompañada do Alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, do Concelleiro de Deportes, Vicente Castro Reigosa, e do organizador do evento, David Martínez, Méndez destacou que “creamos esta iniciativa a través de Km0 Xtreme porque entendemos que se trata dunha extraordinaria oportunidade para dar a coñecer a riqueza medioambiental da provincia -na que destacan praias como a que nos atopamos-, pensando en que o medio ambiente é unha oportunidade de negocio para Lugo”.

A responsable provincial lembrou que este programa, pioneiro en España, foi inaugurado esta mesma semana polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, cunha viaxe en helicóptero, e que inclúe outras actividades como o surf, windsurf, vela latina, submarinismo, esquí acuático, deporte de orientación, viaxe en globo, etc.

“En definitiva, o Presidente quere promocionar a Mariña por terra, mar e aire, distintas opcións que nos permiten redescubrir a provincia desde o deporte e a multiaventura. Hoxe a Deputación volta a estar de novo na Mariña, o que demostra que fai unha aposta forte por esta zona da provincia e por este Concello a través deste programa e de compromisos como os que asumiu o Presidente na súa recente visita”. Neste senso, Méndez lembrou as obras de mellora que a Deputación realizará nos vindeiros meses na estrada provincial 0610 que dá acceso á praia das Catedrais, así como que no vindeiro verán estarán certificadas medioambientalmente as primeiras praias da Mariña Lucense, “que serán un novo referente no ecoturismo de Galicia; o que significa un nivel de esixencia moi superior ó da Bandeira Azul”.

Un campionato de alto nivel
O campionato desenvolverase o sábado e domingo, 19 e 20 de setembro, na praia dos Castros, onde se poderán ver os mellores surfistas de Galicia, pero tamén da Mariña. En total, haberá ó redor de 70 participantes, que competirán nas modalidades de surf masculino e femenino e longboard.

O circuito comezará o sábado ó redor das 10:30 horas da mañá e rematará o domingo coa entrega de premios. Constará de 24 mangas: 15 para surf masculino, 4 para o feminino e 5 para longboard.

Antes da entrega de premios sortearanse mochilas ecolóxicas, unha táboa de surf, e diverso material promocional do programa da Deputación.  As persoas que cubran un cuestionario sobre Km0 Xtreme entrarán neste sorteo. Haberá trofeos para os 4 primeiros clasificados de cada modalidade, así como grandes premios en material técnico.

Na entrega de premios, que se celebrará o domingo a partir das17:00 horas, participarán o Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, o Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e o Concelleiro de Deportes, Vicente Castro. O campionato está organizado pola Federación Galega de Surf que dende o ano 2000 leva organizando eventos destas características.

Exit mobile version