Site icon Crónica3.com A Mariña

“Xastrico”: Personaxe focego

O ano 1943 estreábase no Gran Teatro de Lugo a primeira zarzuela galega da historia, co primeiro texto en galego publicado despois da guerra civil. A música da obra, titulada Non chores, Sabeliña, posta en escena polos coros lugueses Cantigas e Agarimos e Frores e Silveiras é do insigne músico lucense Gustavo Freire Penelas, curmán do mestre Lugilde Penelas a quen Foz ten dedicada unha rúa, autor de pezas tan coñecidas como Airiños, aires; Festa na Tolda; Rapsodia galega e outras. Naqueles tempos a zarzuela foi levada ós escenarios de media Galicia.

O argumento é sinxelo, trazado coa fina ironía, humorismo e fecundidade imaxinativa do campesiño galego, que se expresa con vocábulos propios da linguaxe popular falado nas aldeas luguesas da Terra Chá; é unha versión mais do tema, tan vello e sempre tan novo, duns quereres de xuventude; sen esquecer tampouco o sentimento de relixiosidade, de morriña, do carácter varonil e nobre que son as notas características das xentes labregas.

Don Xosé Trapero Pardo, o autor do libreto, foi  sen dúbida un focego de adopción. Asiduo veraneante na nosa vila perante mais de sesenta anos consecutivos, escribiu centos de artículos sobre Foz, exaltando os seus encantos e atractivos; os personaxes populares; a historia entrañable, vivida día a día ó longo de todo o século pasado, da que foi testemuña de excepción; todo, en fin, o referido ó noso pobo, onde pronunciou incontables conferencias, dixo tódolos pregóns, asistiu a mesas redondas ….

No hall da entrada da súa casa luguesa da Praza de Ferrol penduraba un óleo do pintor Luis G. Pacios, tamén asiduo dos veráns focegos, que don Xosé amosaba todo fachendoso: era un rincón do Prado de Ramos, lugar tan amado polo intelectual, no que sentado mirando para o mar pasaba as horas na súa contemplación, sempre a carón de dona Delia Caetano, a súa muller, persoa de excepcional cultura e sensibilidade.

No primeiro acto da zarzuela aparece un recanto do campo da feira, no que un grupo de mozas están sentadas cada unha diante dunha cesta nas que figuran, para a súa venta, ovos, manteiga, galiñas, froita, etc. As vendedoras entoan a coro unha canción, cuxas últimas estrofas, din : “¡Ai, San Antonio / dame un mozo guapo / da feira de Meira / da feira de Castro!”.

Entra “Xastrico” en escena, decindo : ” ¡Tamén tedes bó gusto!¿Porqué ha de ser o rapaz de Meira ou de Castro? Eu non son daí que son de Marzán, xunto de Foz. Pero, ¡guapo!, á vista está… ¡sufride rapazas, sufride!”.” … A que queira ter a sorte de dar cun mozo de Marzán, de xunto ó mar, que xogue na miña rifa…”.

O autor describe ó personaxe así: ” Un xastre de aldea barulleiro, falador, malicioso, vestido con certa fachenda, pero sen cargar a man nos xestos nin na vestimenta, e coidando que non apareza como … da outra banda”.

Don Xosé introduce na peza costumista, de ambiente campesiño, un elemento próximo ó mar, pero non netamente mariñeiro, evitando así o exotismo.

Acaso por eso o sitúa en Marzán, onde de sempre se alternaron os labores do campo coa faceta mariñeira das súas xentes. Xentes labregas e mariñeiras e lugar onde algún día puido decirse, como escribira Manuel María, “as redes mariñeiras a enxugar están / no medio das medas e os medeiros do pan”.

En Maio de 1992, despois de moitos anos sen ser representada, “Non chores, Sabeliña” foi posta en escena polo Orfeón Lucense, agrupación que fora fundada a finais do século XIX polo insigne músico lugués Xoan Montes.

Naquela ocasión tivemos a honra de presenciar o espectáculo na compaña do entrañable don Xosé Trapero.

Cando saíamos do mesmo, preguntamos ó mestre: ¿ cómo nunha obra que transcorre

toda ela na chaira luguesa, introduce un elemento (“Xastrico”) da beiramar?.                                    Él respostounos:

— “Dalgún xeito Foz tiña que estar presente na miña zarzuela”.

Unha mostra mais do agarimo que don Xosé sentía polo noso pobo.

A última vez que se representou Non chores, Sabeliña foi en xuño de 2006, a cargo de grupo vocal Lugh e a Orquestra Municipal de Xove, baixo a dirección de Xan Carballal. O acto tivo lugar no auditorio da Cidade do Sacramento que leva o nome do autor musical da zarzuela: Gustavo Freire.

Desta forma quedou rexistrado para a posteridade Xastrico, personaxe focego de ficción creado polo que foi ilustre escritor e xornalista, don Xosé Trapero Pardo.

Exit mobile version