Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de Cultura de Deputación manifesta pesar pola perda de Daniel Cortezón

LUGO.- A Área de Cultura da Deputación de Lugo emiteu unha nota na que manifesta “o seu pesar pola perda do escritor Daniel Cortezón, autor oriúndo da vila mariñá de Ribadeo recoñecido no ámbito cultural en Galiza polas súas obras que contribuíron a renovar o teatro histórico galego”.

Nota de Prensa

A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DE LUGO LAMENTA A PERDA DO ESCRITOR RIBADENSE DANIEL CORTEZÓN

Co falecemento de Daniel Cortezón, Galiza fica sen un referente fundamental para entender o teatro galego da posguerra

LUGO, 06 outubro de 2009. A Área de Cultura da Deputación de Lugo manifesta o seu pesar pola perda, aos 82 anos de idade, do escritor Daniel Cortezón, autor oriúndo da vila mariñá de Ribadeo recoñecido no ámbito cultural en Galiza polas súas obras que contribuíron a renovar o teatro histórico galego.

A Área de Cultura da Deputación quere trasladar tamén o seu pesar, compartido por toda a sociedade galega, á familia do finado, aproveitando para facer un merecido recoñecemento a este dramaturgo, novelista e ensaísta lucense erixido nunha figura tan importante para a cultura galega, especialmente no eido teatral.

Daniel Cortezón deixou unha prolífica obra abranguendo desde a novela ao ensaio, sendo no teatro onde destacou de xeito significativo como un dos autores representativos da xeración de dramaturgos do teatro galego da posguerra. A súa obra reflicte unha predilección manifesta cara o teatro histórico, no que recrea anacos da historia de Galiza, xénero ao que pertencen as súas obras máis recoñecidas como “Os Irmandiños”, “Prisciliano” ou “Pedro Madruga”. Coa realidade, a idiosincrasia e a historia galega sempre presente na súa obra, Cortezón tamén se prodigou no ensaio, onde analizou desde o teatro dunha figura tan admirada por el como Castelao, ata o fenómeno social galego por antonomasia da emigración, recollida na súa obra significativamente titulada “A diáspora”.

Exit mobile version