Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adquire 1.200 toneladas de emulsión asfáltica para a mellora de vías municipais

LUGO .- A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación provisional de 1.200 toneladas de emulsión asfáltica de grande durabilidade por valor de 235.712 euros, que serán empregadas polas máquinas do Parque Móbil para o arranxo, mantemento e limpeza de vías municipais. O voceiro provincial socialista subliñou a colaboración que está a levar a cabo o organismo provincial cos Concellos da provincia neste eido. “Estamos a facer un esforzo importante, pero á vez imprescindible, para atender ás necesidades dos Concellos, contrariamente ó que fixo o Partido Popular que, entre outras cousas, o que fixo foi desmantelar o Parque Móbil, de xeito que inutilizaron un instrumento fundamental de cooperación cos Concellos de menores recursos”.

Neste senso, lembrou que este mércores o Presidente supervisou en Monterroso dúas destas vías que foron melloradas coa colaboración da Deputación. “Son obras pequenas, pero necesarias, e son un exemplo da colaboración cos municipios”.

Hoxe estas máquinas están a traballar en pistas da Pastoriza, As Nogais, Riotorto, Cervantes e Taboada. Gato Soengas destacou que “son Concellos de distinta cor política, cousa que antes non se facía”. Co obxectivo de satisfacer esta demanda, o actual equipo de goberno incrementou o presuposto do Parque este ano nun 90%.

Protección de datos nos Concellos

Gato Soengas anunciou que a finais de año coñeceranse as conclusións da auditoría que a Deputación encargou á Universidade da Coruña sobre a situación da protección de datos de carácter persoal en 55 municipios, que solicitaron adherirse a esta liña de Cooperación. “Esta é unha cuestión moi importante porque hai que ter un rigor no uso destes datos de carácter particular. Para o mes de decembro, esta auditoría estará feita e coñeceremos as conclusións que serán trasladadas ós Concellos para poder establecer liñas de colaboración neste eido”.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Ademais, a Xunta de Goberno deu o visto e prace a 14 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais, das que 3 pertencen ó ano 2007 e o resto a 2008. Suman 134.215 euros, dos que a Deputación subvenciona 94.158. Pertencen ós Concellos de Guntín, Lugo (2), Becerreá, O Valadouro, Vilalba (7) e Viveiro (2).

Exit mobile version