Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación executará obras por valor de 3,7 millóns de euros do Plan de Comunidades Veciñais de 2009

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, presentaron este mércores o Plan de Comunidades Veciñais de 2009. A través desta iniciativa, o organismo provincial acometerá obras por valor de 3,7 millóns de euros, das que a Deputación inviste 2,2, o que representa o 60% do orzamento total.

Gómez Besteiro salientou que “a través deste Plan, subvencionamos pequenas obras, pero non menos necesarias, e que os Concellos non poderían acometer sen a colaboración da Deputación”.

A Xunta de Goberno aprobará este venres por vía de urxencia esta liña de actuación das que se beneficiarán 295 entidades asociativas. Neste senso, o titular do organismo provincial subliñou o feito de que o número de colectivos interesados na iniciativa da Deputación viuse incrementado con respecto a 2008, “isto é unha proba, de que facemos ben as cousas e de que estamos dando resposta as demandas dos veciños”.

As axudas que concede a Deputación para calquera das actuacións non superará os 12.000 euros, é dicir, o 75% do importe total da obra, de tal xeito, que o 25% restante deberá ser sufragado polos colectivos veciñais.

Plan de 2008

Gómez Besteiro e Gato Soengas fixeron este anuncio nunha das obras que foron executadas con cargo ao Plan de Comunidades Veciñais de 2008. Concretamente, na área creativa de Vilar de Remonde onde se investiron preto de 12.000 euros para o seu acondicionamento.

Neste senso, o titular do organismo provincial subliñou que “xa levamos tramitado o 80% das obras aprobadas na anualidade do 2008”. En Palas de Rei, a Deputación aprobou o ano pasado obras por valor de máis de 64.0000 euros, dos que o organismo provincial achegu 48.000, e que serviron para mellorar e dotar de servizos o parque infantil do colexo público deste Concello, o camiño de Campomaior a San Vicente, a área recreativa do río Ferreira, e para a pavimentación dos núcleos de Vilariño e Bistulfe.

Exit mobile version