Site icon Crónica3.com A Mariña

A miseria que vén

A maior parte das veces non é difícil ser adiviño. Basta con ter un pouco de sentido común e observar a realidade, repasar a Historia e mirar como se van desenvolvendo os acontecementos. Logo simplemente queda agardar que chegue o tren que víamos no horizonte. Antes de estoupar a burbulla inmobiliaria, quen se atrevía a facer premonicións sobre as consecuencias previsibles, era considerado unha ave de mal agoiro ou simplemente un desprezable intelectual esquerdista militante contra o progreso da sociedade de consumo. Agora nin se lles recoñece que tiñan razón.

Aínda que moitos non queiran ver nin mirar o que se nos está aproximando para machacar todos os logros básicos de igualdade e solidariedade trae unha forza de cabalo desbocado. Estase instalando na sociedade a idea de que as cousas públicas son malas e as privadas boas, incluso esta mensaxe cala na xente con menos medios, pero que considera que na nova sociedade terá mellor futuro. Sobre este nova ideoloxía é interesante ver o artigo de Julio Llamazares no que afirma que o “novorriquismo” despreza a sanidade e a educación do Estado e ao mesmo tempo propicia o seu deterioro, “parece que os únicos que teñen responsabilidade polas súas actuacións son os empregados públicos, mentres que os das empresas privadas están exentos de calquera culpa”.

Ese mesmo día e no mesmo periódico, El País, o economista estadounidense Paul Krugman escribía un interesante artigo sobre a incultura dos estadounidense e de como pasaron de estaren na vangarda da educación a quedaren atrasados, debido ao debilitamento da educación pública. Conclúe o se razoamento advertindo que “temos que espertarnos e darnos conta de que unha das claves do éxito histórico do noso país é agora un activo que se deprecia co tempo. A educación fixo grande a EE UU; descoidar a educación pode cambiar o proceso”. Penso que isto pódese aplicar a calquera país e moi especialmente a Galicia, nos últimos tempos.

Supoño que por coincidencia, ese mesmo día, no mesmo medio, aparecía unha noticia co título de “los rostros de la miseria sanitaria”, onde se narraba a situación de millóns de estadounidenses que levaban anos sen ir ao médico, aínda que tivesen enfermidades graves e crónicas porque non tiñan seguro nin cartos para buscar a saúde. Agora acudían a clínicas móbiles atendidas por estudantes de medicina voluntarios. Son as consecuencias da lei da oferta e da demanda aplicada á sanidade. Este modelo é o que agora nos queren impoñer aquí con mentiras adobiadas de demagoxia ultraliberal.

Para que conste como aviso premonitorio.

Exit mobile version