Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinará 600 millóns de euros para axudar as familias a acceder a unha vivenda


SANTIAGO.- O Consello da Xunta aprobou un decreto do Plan de Vivenda 2009-20012, con axudas por importe de preto de 600 millóns de euros para facilitar o acceso a familias a unha vivenda. Dende a Consellería de Traballo apoiaranse accións de autoemprego para persoas en paro que esgotaran as súas prestacións e subsidios.
NOTA DE PRENSA:

O CONSELLO DA XUNTA APROBA O DECRETO DO PLAN DE VIVENDA 2009-20012, QUE FACILITARÁ O ACCESO Á VIVIENDA A 50.755 FAMILIAS GALEGAS, CON AXUDAS POR IMPORTE DE PRETO DE 600 MILLÓNS DE EUROS

§ Poderán calificarse como protexidas vivendas individuais en construción dentro dunha promoción de vivendas libres. Tamén poderán acollerse ás axudas vivendas libres rematadas, sempre que pasara un ano dende a obtención da licenza de primeira ocupación

§ Todas as familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o iprem que acceden a unha vivenda ao abeiro do Plan reciban unha axuda da Xunta de Galicia

§ Mozos, familias numerosas e monoparentais, dependentes, persoas con discapacidades, vítimas da violencia doméstica e do terrorismo, separados e divorciados, emigrantes retornado e chabolistas terán un tratamento preferencial

§ Preto de 600 millóns de euros en axudas inducirán un investimento de máis de 3.000 millóns de euros e a creación de máis de 40.000 empregos

Tódalas familias galegas que accedan a unha vivenda protexida sen ter sido antes propietarias terán unha axuda directa da Xunta de Galicia de 2.000 euros, sempre que os ingresos familiares non superen 2,5 veces o iprem (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples), segundo establece o Decreto polo que se regulan as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da comunidade autónoma de Galicia e a xestión das previstas polo Ministerio de Vivenda no Plan de Vivenda e Solo 2009-2012 e que foi aprobado hoxe polo Consello da Xunta.

A Xunta de Galicia subvencionará tamén a adquisición de vivenda por menores de 35 anos, familias numerosas, familias monoparentais con fillos, familias con dependentes ou con membros con discapacidade, mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas do terrorismo e persoas separadas ou divorciadas que perderan as súas vivendas. En cada caso contémplase unha axuda de 2.000 euros, acumulables cando o adquirente se atope en máis dunha das devanditas circunstancias. No caso de familias numerosas de 5 ou máis membros a axuda incrementarase noutros 2.000 euros, pasando a ser de 4.000 euros.

No caso de grupos en grave risco de exclusión social, como chabolistas e emigrantes retornados, que acceden á vivenda en propiedade, a axuda será do 25 por cento, cun límite máximo de 17.000 euros. Esta axuda, que xa fora introducida pola Xunta de Galicia nos planes 2002-2005 e 2005-2008, non é compatible co resto de axudas autonómicas.

Outra das novidades deste Decreto é que se amplía de forma substancial a poboación susceptible de recibir axudas para a adquisición de vivenda, incluíndo ás familias con ingresos entre 3,5 e 4,5 veces o iprem, que no plan anterior non tiñan dereito a axudas directas e unicamente podían recibir subsidiación do préstamo cando se trataba de primeiro acceso á vivenda.

Axudas estatais

As axudas establecidas pola Xunta de Galicia son ademais compatibles coas financiadas polo Ministerio de Vivenda pero xestionadas pola Xunta de Galicia.

Estas axudas poden acadar un máximo de 8.000 euros para tódolos adquirentes de vivenda protexida con ingresos que non superen 2,5 veces o iprem. A contía redúcese a 7.000 e 5.000 euros cando os ingresos están entre 2,5 e 3,5 ou entre 3,5 e 4,5 veces o iprem respectivamente. Tódalas axudas estatais para familias con ingresos entre 3,5 e 4,5 veces o iprem son de nova creación neste Plan, o mesmo que no caso das axudas autonómicas.

Os menores de 35 anos terán unha axuda de 9.000, 8.000 ou 6.000 euros segundo os tramo de ingresos no que se atopen.

As axudas poderán acadar os 12.000 euros no caso de familias numerosas, familias monoparentais con fillos e familias con persoas dependentes ou con discapacidades oficialmente recoñecidas, sempre que os ingresos non superen 2,5 veces o iprem. Para os outros dous tramos de renda (2,5-3,5 e 3,5-4,5 iprem) as axudas serán de 10.000 e 8.000 euros respectivamente.

Finalmente haberá unha axuda de 11.000 euros para mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas do terrorismo e persoas separadas ou divorciadas, que perderon a súa vivenda e estean ao corrente de pago das pensións alimenticias ou compensatorias e teñen ingresos que non superen 2,5 veces o iprem. Para as familias comprendidas neste suposto e nos outros dous tramos de renda a axuda será de 9.000 e 7.000 euros respectivamente.

Estas axudas non son compatibles entre si, pero poden acumularse coas da Xunta de Galicia.

Subsidiación do préstamo

Ademais tódolos compradores de vivendas ao amparo deste Decreto, con ingresos que non superen 4,5 veces o iprem, terán dereito á subsidiación do préstamo obtido para a compra da vivenda. A subsidiación será aplicable durante os cinco primeiros anos do préstamo, ampliables a outros cinco, e a súa contía será de ata 100 euros por cada 10.000 euros de préstamo, segundo os tramos de renda nos que se atopen os beneficiarios (80 euros para o tramo intermedio e 60 para o superior). Esta subsidiación incrementarase en 50 euros para familias numerosas, familias monoparentais con fillos e familias con persoas dependentes ou con discapacidade cuxos ingresos non superen 2,5 veces o iprem. No caso de que os ingresos estean entre 2,5 e 4,5 veces o iprem o incremento da subsidiación será de 30 euros por cada 10.000 de préstamo.

Obxectivos

O Plan de Vivenda 2009-2012 en Galicia prevé a promoción de 13.780 vivendas protexidas de nova construción ao longo dos catro anos de vivencia do mesmo, das que 9.620 serán para venda e 3.980 para alugueiro. Asemade, o Ministerio de Vivenda cofinanciará a construción de 180 vivendas de promoción pública. Tamén se prevén axudas para a adquisición de 1.070 vivendas usadas.

O Decreto aprobado hoxe establece a posibilidade de calificar como protexida unha soa vivenda dentro dun edificio de vivendas libres, ademais da calificación por edificios completos ou plantas dos mesmos.

Doutra banda, poderán acollerse ás axudas do Plan de Vivenda, cumprindo os requisitos establecidos para as protexidas, as vivendas libres cando se trate da primeira venda e pasara polo menos un ano dende a obtención da licenza de primeira ocupación.

Polo que respecta ao alugueiro, ademais da promoción de vivendas de nova construción destinadas ao mesmo, o Plan de Vivenda prevé que a través do mesmo se financien 3.270 axudas a inquilinos acollidas ao programa de axudas ao alugueiro.

Asemade, o Plan prevé actuacións de rehabilitación, tanto en Areas de Rehabilitación Integral (ARIS) como en Áreas de Renovación Urbana (ARUS), erradicación do chabolismo e axudas Renove, destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, a hixiene, saúde e protección do medio ambiente nos edificios e vivendas, e a utilización de enerxías renovables. En total os diferentes programas de rehabilitación prevén 29.025 actuacións no conxunto do Plan.

Finalmente o Plan de Vivenda 2009-2012 prevé a creación de solo residencial para a construción dun total de 3.610 vivendas protexidas, das que a meirande parte estarán en áreas prioritarias.

En total, os obxectivos iniciais do Plan de Vivenda 2009-2012 supoñen un incremento de máis do 56 por cento respecto dos obxectivos iniciais do anterior plan

Investimento

Preto de 600 millóns de euros serán destinados en Galicia para axudas para adquisición e rehabilitación de vivendas e promoción de solo residencial para a construción de vivendas protexidas entre a Xunta de Galicia e o Estado.

Esta inxección económica terá efectos sobre o conxunto da economía da comunidade autónoma, xa que se estima un investimento global, incluíndo as achegas de promotores, particulares e administracións públicas, que superen os 3.000 millóns de euros e supoñan a creación de máis de 40.000 postos de traballo.

SUBVENCIÓNS AUTONÓMICAS E ESTATAIS PARA COMPRA DE VIVENDA

AO ABEIRO DO PLAN DE VIVENDA

Galicia (*)

Estado

Ingresos (referidos ao Iprem)

Ata 4,5

£2,5

2,5-3,5

3,5-4,5

Xeral

2.000

8.000

7.000

5.000

Menos de 35 anos

2.000

9.000

8.000

6.000

Familias numerosas

2.000 (1)

12.000

10.000

8.000

Familias monoparentais con fillos

2.000

12.000

10.000

8.000

Persoas dependentes ou con discapacidade

2.000

12.000

10.000

8.000

Mulleres vítimas de violencia de xénero

2.000

11.000

9.000

7.000

Vítimas do terrorismo

2.000

11.000

9.000

7.000

Persoas separadas ou divorciadas

2.000

11.000

9.000

7.000

Emigrantes retornados e/ou chabolistas

25% (2)

17.000

(*) As axudas da Comunidade Autónoma son acumulables entre si (excepto das de emigrantes retornados e chabolistas) e súmanse ás do Ministerio. As axudas do Ministerio non son acumulables entre si)

(1)Familias con 5 ou máis fillos: 4.000 euros
(2) Límite de ingresos: 1,5 veces o IPREM. A axuda consiste nun 25% do custe da vivenda, cun límite de 17.000 euros.

TRABALLO APOIARÁ ACCIÓNS DE AUTOEMPREGO PARA PERSOAS EN PARO QUE ESGOTARON AS SÚAS PRESTACIÓNS E SUBSIDIOS

§ O Consello da Xunta aprobou hoxe unha orde pola que se financiarán os gastos e os investimentos máis importantes que se producen na creación dunha empresa

§ O Goberno galego facilitará o acceso ao financiamento externo, chegando a subvencionar ata 6 puntos de xuro dos créditos bancarios que se soliciten para levar a cabo os investimentos en activo fixo

§ Apoiarase a creación dos postos de traballo tanto dos propios promotores como dos traballadores por conta allea

§ O programa conta cun orzamento de 250.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado desde a publicación da iniciativa no DOG

§ As axudas dan resposta a un dos compromisos adquiridos no Plan de medidas urxentes para facer fronte á crise económica

A Consellería de Traballo e Benestar apoiará as persoas en paro que esgotaran as súas prestacións e/ou subsidios pór desemprego e que queiran por en marcha a súa propia empresa a través dunha orde que aprobou hoxe o Consello da Xunta e que conta cunha partida orzamentaria de 250.000 euros.

Por unha banda, o departamento autonómico subvencionará a creación dos postos de traballo tanto dos propios promotores como dos traballadores por conta allea que desenvolvan contratacións e, por outro lado, facilitarase o acceso ao financiamento externo chegando a subvencionar ata 6 puntos de xuro dos créditos bancarios que se soliciten para levar a cabo os investimentos en activo fixo.

Ademais, o Goberno galego apoiará os gastos correntes circulantes, incluídos os de constitución da empresa, e, ao mesmo tempo, concederanse axudas para a formación empresarial dos promotores para mellorar as posibilidades de supervivencia da nova empresa e para a contratación dos estudos e informes que sexan necesarios para optimizar o funcionamento da firma.

En definitiva, a Consellería financiará parcialmente os gastos e os investimentos máis importantes que se producen no inicio da actividade da nova empresa cun sistema de apoio compatible con outras medidas de apoio como os avais do Igape para autónomos.

Para cumprir co obxectivo, o orzamento destinado a este programa ascende a 250.000 euros. Os interesados en optar a estas axudas poderán presentar as súas

solicitudes no prazo dun mes contado desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar dá resposta a un dos compromisos asumidos a través do Plan de medidas de actuación urxente fronte á crise para paliar a situación das persoas traballadoras que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego.

Así, o programa quere apoiar o autoemprego e o emprendemento dos traballadores que decidan crear o seu propio posto de traballo, xa que a reincorporación ao mercado de traballo a través da posta en marcha da propia iniciativa empresarial é unha opción cada vez máis utilizada polas novas oportunidades de negocio que están a xurdir e pola configuración dunha sociedade cada vez máis emprendedora e partidaria de arriscar.

O departamento autonómico considera que a reincorporación ao mercado de traballo das persoas que esgotaron a súa prestación por desemprego non se debe enfocar unicamente desde a perspectiva de lles facilitar un contrato temporal en colaboración coas entidades locais e outros colectivos sen ánimo de lucro ou a través de incentivos ás empresas privadas.

Exit mobile version