Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o BNG que Sanidadd non aclara as repercusións na comarca do anunciado cambio de modelo de xestión

Nota de Prensa

O PP só  se move ao ritmo que lle marcan os anuncios de mobilización social

Sanidade non aclara nada a respecto das repercusións na comarca do anunciado cambio de modelo de xestión

Os anuncios sobre aperturas de investigación pretenden a persecución do persoal do hospital e a apertura de listas negras

Na nota de prensa emitida pola Consellaría de Sanidade após da reunión mantida cunha asociación veciñal de Burela, non hai nada novo, reitéranse os argumentos defendidos polo PP nos últimos días, “ mais non se aclara nada sobre o anunciado cambio no modelo de xestión e a repercusión na comarca das chamadas áreas de xestión integrada” que a xuízo do BNG son a “porta de atrás pola que o PP vai camiñar para reducir non só a capacidade de xestión da actual área sanitaria da Mariña, senón tamén o seu servizo e calidade”. O BNG ven reiterando que non estamos a falar dun debate nominal , senón dun cambio no modelo de xestión que vai ter repercusións importantes nos servizos sanitarios na comarca.

O Bloque Nacionalista Galego ao igual que o conxunto da comunidade sanitaria e da grande maioría  da poboación da Mariña considera que o central é que esta Comarca manteña todas as competencias en materia sanitaria. Non nos vale que mantendo a denominación actual de areas sanitarias ou áreas de saúde, tal como define as mesmas a Lei 8/2008, a través da creación das áreas únicas de xestión se proceda a baleirar de competencias  á area da costa ou que o Hospital de Burela se converta nun hospital de segunda

O PP o que lle ten que explicar aos veciños da Mariña é que especialidades van deixar de ofertarse en Burela, o PP ten  que explicarlles aos traballadores da sanidade por que van ter que desprazarse por toda a provincia, o PP ten que explicarlle a un facultativo de Burela por que terá que desprazarse ao Hospital de Lugo cando neste non haxa profesional que cubra a súa especialidade, o PP ten que explicarlle aos xefes de servicio do Hospital de Burela cal van ser as súas competencias en relación cos seus homólogos de Lugo, o  PP ten que aclararlle a poboación da Mariña cantos postos de traballo se van perder na sanidade na Comarca.

Xa por último é  necesario que a Consellaría de Sanidade se comprometa en serio a executar o Plano Director do Hospital xa aprobado pola Xunta Bipartita.Neste sentido consideramos central que os orzamentos da Xunta recollan as consignacións orzamentarias necesarias. Non hai engano que dure todo unha vida e cando se presenten os orzamentos deste ano imos saber se efectivamente vai existir unha oferta de servizos máis ampla ou mesmamente se estes non se merma como pensamos.

O PP intenta desmobilizar facendo anuncios que logo non cumpre

Non deixa de ser curiosa a coincidencia no guión do Partido Popular cada vez que a sociedade fai anuncios sobre mobilizacións sociais ou intenta organizarse para defender os seus dereitos. As coincidencias, entre a anunciada apertura de matriculas na Escola Infantil de Foz , xustamente no día que o BNG tiña convocada unha concentración e a nota emitida pola Consellaría de Sanidade no mesmo día que se constitúe a plataforma na defensa da sanidade da Mariña son evidentes, mais tamén tendo en conta o incumprimento de anuncios en Foz, tampouco podemos agardar moito deste novo intento de torpedear a constitución da plataforma da sanidade.

O que lle piden os cidadáns a dirección do hospital e que xestione o servizo, non que abra persecucións aos traballadores.

A xerencia do hospital da Costa ten que dedicarse a mellorar o servizo sanitario en non a abrir expedientes de investigación contra os seu cadro de persoal, isto é o que agardan os usuarios e usuarias da sanidade pública, e non a apertura de listas negras ou purgas contra o persoal sanitario. A xuízo do BNG son lamentábeis as declaracións feitas públicas onte anunciando a apertura dun proceso de investigación por unha convocatoria por parte da  Xunta de Persoal do Hospital usando sobres do propio hospital, nin e este o traballo da xerencia hospitalaria, nin tampouco a utilización dos cargos dirección administrativa para

perseguir a aqueles que non son sumisos ao novo sistema político. O BNG considera que non estamos diante dun feito illado senón que estas prácticas, que en Galiza non son novas, mostranos a verdadeira faciano do PP, como partido autoritario que non entende o que é a democracia.

Exit mobile version