Site icon Crónica3.com A Mariña

Inés Paz reelixida por unanimidade responsable local do BNG de Foz

NOTA DE PRENSA
Paz presenta un BNG disposto a liderar o cambio en Foz

Inés Paz reelixida por unanimidade responsábel local do BNG de Foz

A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego renovou o pasado venres, nunha xuntanza celebrada no seu local de Foz, o seu Consello Local procedendo a elixir de novo como Responsábel do BNG en Foz a Inés Paz Neira. A candidatura encabeza por Inés Paz, que xa viña exercendo esta responsabilidade desde o 2007, foi a única que se presentaba, sendo elixida por unanimidade. Da mesma forman parte Xoán Carlos González Basanta, Balbino Fernández López, María Xosé Alonso Otero, Elvira Árias Sante, Marco Longarela Andina, Ramón Pena Marful, Estanislao Moreda Rodríguez, Ramón Ermida Meilán e Bibiana López Iglesias, a que sumará un representante de Galiza Nova.

A afiliación do BNG de Foz valorou positivamente o traballo desenvolto polo Consello Local dirixido por Inés Paz que se traduciu nun aumento importantísimo da afiliación nacionalista no Concello e na introdución do BNG en ámbitos e territorios nos que no pasado non contaba con presenza. Na mesma liña mostraron a súa satisfación pola recente constitución no Concello de Foz, da organización xuvenil do BNG, Galiza Nova o que garante a continuidade do proxecto nacionalista.

Ines Paz que ao remate da asemblea agradeceu aos presentes a confianza depositada no Consello Local que ela dirixe afirmou que “correspóndelle a este Consello Local facer fronte a importantes retos, particularmente o proceso das eleccións municipais, que necesariamente ten que abrir as portas a un cambio político en Foz dirixido polo BNG. Non hai máis cambio que o dun Goberno Local dirixido polo BNG. Os outros, xa os coñecemos, a mesma cara no goberno, a mesma cara na oposición”. A Responsábel Local do BNG fixo fincapé en que “Foz vive unha vaga de cambio, e para que ese cambio sexa real, para que ese cambio responda as demandas das maiorías sociais, para que ese cambie se concrete en máis emprego, en máis dereitos para que menos teñen, ese cambio ten nome de BNG” para rematar afirmando que “chegou o tempo de que Foz sexa unha finca privada para beneficio de catro e se convirta nun espacio común de todos”.

Nunha clave máis interna a Responsábel Local do BNG quixo trasladar ao grupo municipal todo o apoio da militancia nacionalista de Foz “os nosos concelleiros, son os concelleiros do BNG, de todo o BNG pero fundamentalmente son a voz no Concello de todo o pobo de Foz”, na mesma liña destacou o esforzo que está a facer para que no Pleno se escoite a voz dos veciños pero tamén para que a problemática do Concello saia das catro paredes da Casa do Concello, “Foz precisa luz, máis luz, isto é transparencia”. Inés Paz quixo destacar a cohesión interna que vive a organización nacionalista e a viveza da súa vida democrática.”Malamente pode gobernar o Concello, aquelas forzas que non son capaces de gobernarse así mesmo. Malamente poden entender aos veciños de Foz, aquelas persoas que non son capaces de entenderse cos seus compañeiros de partido, malamente poden dialogar con outras forzas políticas, aquelas nas que os seus membros son incapaces de dialogar entre si”.

Xa por último Inés Paz anunciou que o BNG manterá aberto o seu local en Foz todos os días en horario de 18:30 a 20:30 para atender aos veciños de Foz naqueles aspectos que lle poidan interesar e particularmente para achegar propostas destes ao Pleno.

Exit mobile version