Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo asegura que hai moitas empresas interesadas en instalarse no polígono industrial

RIBADEO (FNC) .- Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, valorou de xeito moi positivo o seu paso polo foro sobre parques industriais que se celebrou estes días en Sigüenza e en Madrid, organizado por SEPES. Un evento no que participaron rexedores de lugares nos que esta empresa pública está a realizar importantes obras de execución de parques empresariais.

O rexedor contou que “todos os responsables de SEPES me transmitiron a boa marcha das obras, e que en breve lle enviarán ao Concello o novo paso que temos que dar que é o proxecto de reparcelación que temos que levar a pleno. E confirmáronme que antes de que remate este 2009 celebraremos unha xuntanza entre responsables de SEPES e o Concello con todos os interesados. Será un encontro de carácter comercial para explicar as condicións de venda das parcelas ou mesmo as condicións de financiamento das mesmas”.

Suárez Barcia explicou que “eles contan que as obras físicas estean rematadas na primavera do 2010. En principio non lle presupoñen demoras, porque o tempo estivo a ser óptimo, ainda que agora empeza a chover. O tempo foi moi benigno e calquera que pase pola A-8 ten unha magnífica oportunidade para visualizar o ben que están indo as obras de urbanización deste polígono industrial de Ribadeo, duns 160.000 metros cadrados e que dará para máis de 50 parcelas de diferentes medidas e de diferentes prezos. Algo que ainda non teñen concretado de todo, pero sí que en breve será de público coñecemento”.

O alcalde sinalou que “hai moitísima xente preguntando, hai moita xente que non se quere ir para outros polígonos do entorno porque entenden que a situación de Ribadeo e do polígono é privilexiada. O parque empresarial está ao pé da autovía, moi ben comunicado co porto comercial a través da circunvalación, coa propia entrada de Ribadeo e coa autovía A-8. Satisfacción por esta xuntanza que mantivemos en Sigüenza e agardamos en breve dar máis novas sobre este tan ansiado polígono industrial de Ribadeo”.

Exit mobile version